El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Deportes

CICLISMO

Galicia, protagonista na 71 edición de La Vuelta

20-08-2016 19:13:00

A contrarreloxo por equipos Ourense termal/Balenario de Laias-Parque Náutico Castrelo de Miño dará inicio hoxe á 71 edición de La Vuelta, unha das tres probas ciclistas máis importantes do mundo e na que a Comunidade galega terá un protagonismo especial, xa que un tercio das etapas percorrerá o territorio galego.   

A celebración desta proba deportiva constitúe unha das mellores oportunidades de promoción da Comunidade galega e do seu sector turístico, xa que se prevé que La Vuelta 2016 se achegue este ano a unha audiencia de máis de 190 países.   

Deste xeito, o departamento de Turismo da Xunta colaborou coa organización das sete etapas desta proba ciclista que se celebrarán na Comunidade galega, aproveitando o seu pulo mediático para promover o destino Galicia e os seus recursos e produtos turísticos.   


Viaxe de familiarización

Deste xeito, Turismo de Galicia organizou unha viaxe de familiarización na que participarán xornalistas que desenvolven o seu labor profesional en medios de comunicación españois relacionados tanto coa prensa escrita, como coa radio e a Internet.   

Este grupo de profesionais da comunicación especializada en turismo chegan hoxe a Galicia para facer un seguimento dos recursos e os produtos turísticos galegos a través dos territorios que percorre La Vuelta nas súas sete etapas en territorio galego.   


Promoción da enogastronomía galega

Por outra parte, Turismo de Galicia promove en La Vuelta o turismo enogastronómico da Comunidade galega e así, na presentación dos equipos de La Vuelta celebrada en Arnoia, este departamento da Xunto organizou un showcooking onde se deron cita os mellores cociñeiros galegos e os máis prezados produtos gastronómicos da nosa comunidade.   

Neste percorrido gastronómico estivo representada a cociña galega a través das degustacións ofrecidas, por unha parte, por doce profesionais do Grupo Nove e, por outra, por nove cociñeiros de Amigos da Cociña Galega. Así mesmo, estiveron presentes 21 Denominacións de Orixe, Indicacións Xeográficas Protexidas e marcas con distintivo de calidade diferenciada.   

La Vuelta rematará a súa estadía en Galicia o vindeiro 26 de agosto co percorrido entre Maceda e Puebla de Sanabria (Zamora), logo das etapas de hoxe, Ourense termal/Balenario de Laias-Parque Náutico Castrelo de Miño, e as seguintes de Ourense capital termal-Baiona, Marín-Dumbría/Mirador do Ézaro, Betanzos-Santo André de Teixido, Viveiro-Lugo e  Monforte de Lemos-Luintra/Ribeira Sacra.   





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias