El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Sogama adxudica a Fergo Galicia a construción dunha planta de compostaxe industrial

29-07-2016 13:03:17
Firma do contrato.

Sogama adxudicou á compañía galega Fergo Galicia, por un importe de 2.403.400 euros, a construción e posta en marcha dunha planta de compostaxe industrial que a entidade ubicará nas dependencias do vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa  a fin de tratar na mesma a materia orgánica proveniente de grandes produtores asentados nas proximidades da localidade coruñesa de Cerceda (mercados, centros comerciais, restaurantes, hospitais, etc). O fin último é fabricar  un compost de calidade que poida ser utilizado posteriormente no ámbito agrícola como fertilizante natural e sen restricións. 

Ademais, co obxectivo de promover a máxima recuperación dos materiais contidos no lixo, no caso daqueles que non sirvan para compostar, pero si para reciclar, como é o caso dos metais e os plásticos, serán clasificados previamente para remitilos á industria transformadora, garantindo así a súa posterior conversión en novos produtos.  

A pretensión última desta infraestrutura, que se enmarca no Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020, é conseguir a maior valorización posible dos residuos, a través da compostaxe e o reciclado, e minimizar as cantidades de rexeitamentos producidos. Cunha capacidade para 15.000 toneladas anuais, as obras da instalación darán comezo a finais do próximo mes de agosto, prevendo que estea plenamente operativa en xuño de 2017. 


Proceso técnico

Separados os elementos susceptibles de ser reciclados, nunha primeira fase a materia orgánica introdúcese en pilas pechadas con inxeccións de aire durante un período de entre 6 e 8 semanas a fin de que esta fermente e comece a transformarse en “compost primario”. Posteriormente, trasládase a outras pilas diferentes con volteo e axitación de aire, introducíndose así na fase de maduración, que dura entre 6 e 10 semanas, dependendo de factores tales como a temperatura e o grao de humidade. 

O circuíto conclúe co afine final, onde se retiran as partículas pesadas e outros elementos impropios, acondicionando tres tipos de material: o rexeitamento, que non é compost, e que se valorizará material e/ou enerxeticamente; un compost de nivel 1, que é o groso; e un compost de nivel óptimo, que é o fino, utilizando ambos como enmenda orgánica a aplicar nos solos para aportarlles nutrientes e mellorar a súa estrutura. 

Estímase unha produción final de 3.000/4.000 toneladas de compost ao ano. Non obstante, para que o produto final cumpra coas especificacións técnicas establecidas e poida ser aplicado con garantías, faise necesario que haxa previamente unha correcta selección dos residuos orgánicos en orixe. Departamento de comunciación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias