El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Carlos Casares será a figura homenaxeada no Día das Letras 2017

09-07-2016 14:15:34
Carlos Casares.

A Xunta de Galicia congratúlase pola decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras 2017 a Carlos Casares, e traballa xa na homenaxe que todas as galegas e galegos lle renderán ao escritor ourensán o vindeiro ano.   

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere ademais salientar a ampla produción bibliográfica de Carlos Casares, que o converte nunha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. Cómpre destacar o amplo traballo en prol da nosa lingua e cultura propias dentro da institución que hoxe o escolle como persoeiro ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas 2017.   

Carlos Casares é unha das figuras máis relevantes do panorama literario galego recente, tanto desde a súa faceta como escritor como desde a de crítico literario. Entre a súa extensa obra destacan novelas tan significativas como Os mortos daquel verán ou os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío.   

Aínda que optou maioritariamente pola narrativa, especialmente a través de novelas e contos, tamén ten obras de ensaio e investigación. A crítica distingue dúas etapas na súa obra: unha vangardista e anovadora que se inicia en 1967 con Vento Ferido, e outra máis realista que comeza en 1980 con Ilustrísima. Ademais, dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento. 

 Cómpre lembrar tamén outras obras súas como Cambio en tres, Xoguetes para un tempo prohibido ou Os mortos daquel verán; así como as súas incursións no mundo infantil coa peza de teatro As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas ou o conto titulado O can Rin e o lobo Crispín

 Ao longo dos próximos meses, a Consellería de Cultura e Educación traballará da man coas máximas institucións culturais do país, nomeadamente coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega, así como coa propia Fundación Carlos Casares e mais a súa familia, para elaborar unha programación que contribúa a difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2017.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias