Cerceda.- “El Suplemento” premia a Sogama, a nivel nacional, na categoría de xestión medioambiental. O presidente da entidade pública, Javier Domínguez Lino, recollerá o galardón o próximo 6 de maio en Madrid, no marco da “V Gala Nacional de Premios El Suplemento”.
Máximos históricos de eficiencia industrial
Neste contexto, é preciso ter en conta que a entidade acadou en 2015, grazas á súa boa xestión, máximos históricos de eficiencia industrial. E os resultados son cuantificables e medibles: incremento do tratamento de residuos no complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña) nun 27,7%, redución do vertido nun 55% e aumento da produción de enerxía nun 29,12%.
E todo isto posibilitou que, malia os investimentos que a compañía acometerá para ampliar a súa infraestrutura, cuantificados en 35 millóns de euros, o canon que cobra aos clientes, os concellos, se manteña este ano nos mesmos termos do 2015 (67,18 euros + IVE por tonelada).
Pero, no seu afán de mellora continua, Sogama procederá agora a ampliar as súas instalacións cercedenses coa posta en marcha dunha planta para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa, á que destinará 30 millóns de euros, e que lle permitirá aumentar a capacidade do seu complexo medioambiental nun mínimo do 36%, incrementando a súa achega á reciclaxe nun 30% e diminuíndo o vertido na mesma porcentaxe.
Tamén acometerá, por un importe próximo aos 4 millóns de euros, a construción dunha planta de compostaxe, con capacidade para 15.000 toneladas anuais, que ubicará no vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa (Cerceda), tratando na mesma a materia orgánica procedente de grandes produtores (centros comerciais, hospitais, cárceres, etc) para a súa conversión en compost.
Premio Cantábrico excelente 2015
Sogama xa foi galardoada o pasado ano co premio Cantábrico Excelente 2015, recollido polo seu presidente, Javier Domínguez Lino, o 26 de xuño, en Oviedo, nunha gala na que se deron cita os profesionais e compañías de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco que destacaron pola súa actividade no eido empresarial, científico, industrial e comercial.
O xurado tivo en conta entón a potente infraestrutura industrial coa que conta esta empresa pública para levar a cabo o seu labor con garantías, toda vez que xestiona e trata, desde o escrupuloso cumprimento da normativa vixente, os residuos urbanos procedentes de 295 concellos galegos (o 94% do total).
Así mesmo, puxo de relevo o carácter global, integral e solidario da entidade, que vela en todo momento polo coidado da contorna e a mellora da calidade de vida dos cidadáns, á vez que enxalzou as esixentes medidas de protección medioambiental coas que conta a organización. E como exemplo puxo a adopción das mellores tecnoloxías dispoñibles, garantindo con isto que as súas emisións á atmosfera se atopen en todo momento moi por baixo dos límites legais.
El Suplemento
A empresa promotora e organizadora destes premios “Suplementos y Monográficos, S.L”, produce e edita especiais para os principais medios de comunicación a nivel nacional. A súa filosofía é achegar aos cidadáns o bo facer das empresas e profesionais pertencentes a distintos sectores de actividade, de aí que, desde o 2012, recoñeza a través destes galardóns o importante labor que levan a cabo moitas entidades, emprendedores, científicos, artistas e deportistas.
O pasado ano, a organización puxo de relevo o esforzo dunha trintena de empresas e institucións que destacaron en ámbitos tales como a innovación, o crecemento empresarial, a creación de emprego, a internacionalización ou a repercusión mediática. Departamento de comunicación