El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

O PP aproba en solitario os sextos orzamentos de Feijóo na Xunta

16-12-2014 20:09:00

O Parlamento galego aprobou hoxe, cos votos do PP e o rexeitamento da oposición, as contas de Galicia para o próximo ano, as sextas de Alberto Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego e que se elevan a 8.436 millóns de euros de gasto non financeiro, 0,5% máis que no pasado exercicio.

O PP rexeitou as 1.263 emendas dos grupos da oposición que chegaran vivas ao último trámite, do debate e votación no pleno, e que contemplaban, entre outros asuntos, propostas para lograr máis ingresos e unha diferente orientación do gasto, co obxectivo de loitar mellor contra o desemprego, a desigualdade e para minimizar "os recortes".

Xusto antes da votación a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, asegurou que "o escenario mudou" con respecto ao ano pasado e que agora o "gran reto" da Xunta é "consolidar a recuperación" que xa comezou.A conselleira lembrou que no ano anterior, ao aprobar os orzamentos, "Galicia estaba en recesión e tiña 21,6 por cento de desemprego".

"Dicía que o gran reto era saír da recesión. Hoxe en día Galicia xa non está en recesión e hai máis 22.000 persoas menos no desemprego. O escenario mudou, a tendencia é evidente e os datos acredítano; agora o gran reto é consolidar" a recuperación, xa que "o traballo non acabará até que consiga que a recuperación se traslade a todos e cada un dos galegos", asegurou nunha intervención.

Pedro Puy, portavoz do PP no Parlamento, defendeu o voto en contra a todas as emendas da oposición "coa mesma coherencia" destes grupos que non votaron as seccións que nin sequera emendaron, reprochoulles.Puy afirmou que o seu partido é "a garantía da sustentabilidade do estado de benestar" e indicou que "en todas as partes se enfronta a retórica populista coa responsabilidade de goberno".

Todos os grupos da oposición cargaron contra a "arrogancia" do PP por rexeitar a totalidade das emendas no día de hoxe, case 1.300 e por acceder unicamente a transaccionar unha durante o trámite en comisión.Ademais, os portavoces e deputados dos diferentes grupos -PSdeG, AGE, BNG e Mixto- criticaron un proxecto de orzamentos, que aposta por continuar, na súa opinión, nunha vía equivocada para loitar contra o desemprego e a pobreza e porque, con diferentes palabras, son "inútiles" para a saída da crise.

O portavoz do PSdeG José Luis Méndez Romeu cargou contra a "usurpación" da función lexislativa por parte do Goberno e preguntouse como pode ser que despois de dous meses de traballo os orzamentos non muden en nada substantivo, nin en aspectos puntuais nin secundarios nin en programas de gasto, "algo sorprendente". "Non dan unha concesión, non á oposición, senón á realidade social. Dan mostra de até que punto están de costas á realidade", reprochou o deputado socialista ao PP e á Xunta, que acusou de que con eles no poder "volveu pobreza a este país, algo erradicado hai anos".

"Masacraron xeracións de galegos no altar da austeridade para que todos os indicadores sexan peores que hai cinco anos", continuou Méndez Romeu, que criticou con dureza que o PP desestimase as súas propostas, como 140 millóns de euros para un plan de emprego e a mesma cantidade para loitar contra a pobreza, entre outras.

O deputado da AGE Xabier Ron defendeu que as emendas do seu grupo pretendían "incrementar as posibilidades de frear a pendente de recortes do austericidio do PP". Lembrou que a AGE defendeu un incremento de 300 millóns de euros na parte de ingresos e unha orientación diferente do gasto xa que, na súa opinión, as contas da Xunta "non permiten saír da crise, nin fortalecen o carácter social, senón que seguen o camiño de políticas austericidas, de recortes, con menos dereitos e menos servizos públicos e protección social".

"Ser progresista hoxe é dicir que hai loita de clases, atacar a pobreza, a exclusión social, o desemprego, os recortes,... Atacar as causas que nos levan á desigualdade, a pobreza e o desemprego", defendeu Ron.O portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, asegurou que estes orzamentos consolidan o fracaso social e profundan nos recortes, a desvalorización salarial e dificultan a recuperación.

Na súa intervención cualificou de "antisociais" os orzamentos e incidiu nos "recortes" acumulados nos últimos anos en sanidade, educación e servizos sociais ou na loita contra o desemprego. En cambio, denunciou, que estas contas e o PP "poñen en perigo a supervivencia da obra colectiva máis importante do pobo galego", en alusión ao idioma. 

A deputada do Grupo Mixto Consuelo Martínez lamentou o ocorrido neste día e medio de debate en que o PP non escoitou as propostas da oposición "e de máis da metade da poboación galega", o que suporá "un novo ano perdido" para loitar contra o desemprego, a pobreza e saír da crise. AXENCIAS





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias