BAIONA | O secretario xeral para o Deporte, José
Ramón Lete Lasa, acompañado polo director xeral de Maiores e Persoas con
Discapacidade, Ildefonso de la Campa, presentou o V Vertiatlón
Solidario do Monte Real Club de Iates de Baiona (MRCYB) que xunta
“competición, solidariedade, integración e inclusión” nunha proba onde
200 deportistas poderán desfrutar da “experiencia e calidade
organizativa da Federación Galega de Tríatlon”.
O evento constará
dun tríatlon sprint (750 m a nado, 20 km en bicicleta e 5 km de
carreira) e a iniciativa privada farase cargo das inscricións dos
atletas. O obxectivo do evento é recadar fondos para persoas con
diversidade funcional. O secretario xeral gabou ao MRCYB por saber
incorporar a unha das programacións máis competitivas da náutica,
“outras disciplinas e actividades que, como esta, contribúen a difundir a
práctica deportiva superando barreiras”. “A diversidade funcional non
debe ser nunca un impedimento para practicar deporte en igualdade de
condicións”, engadiu.
Neste sentido lembrou como a Xunta de
Galicia outorga un patrocinio de 9.000 euros para as actividades de vela
adaptada do Monte Real ou os preto de 80.000 euros directamente
destinados á Federación Galega de Deporte Adaptado, que supoñen un 26%
máis que en 2018.Pola súa banda, o director xeral de Maiores e
Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou a importancia
do deporte como ferramenta para a integración, así como para fomentar a
autoestima e capacidade de superación das persoas con discapacidade.
Neste sentido, gabou o traballo que realiza esta entidade, que aproveita
a riqueza do mar para ofertar actividades deportivas adaptadas para
todas as persoas.