A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda acaba de lanzar un novo portal web vencellado ao
Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía co fin de dinamizar e
canalizar todas as accións promovidas neste sentido pola Xunta, que
desde 2017 exerce de coordinadora na comunidade desta iniciativa,
impulsada a nivel europeo para implicar tamén ás administracións locais
na loita contra o cambio climático.
Durante a presentación oficial
da páxina pactodosalcaldes.gal, a directora xeral de Calidade
Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, explicou que se
trata dunha ferramenta deseñada co obxectivo de proporcionar aos 313
concellos información de interese para fomentar a súa adhesión ao Pacto e
o desenvolvemento dos compromisos que implica, así como servir de canle
de comunicación entre a Xunta e os municipios adheridos.
Neste
sentido, indicou que a páxina terá un espazo privado reservado para ás
entidades que xa estean adheridas e que servirá de canle de comunicación
e intercambio de experiencias entre os concellos e a Oficina Técnica do
Pacto dos Alcaldes en Galicia, creada pola Xunta o ano pasado para
canalizar o seu traballo de coordinación con relación a este movemento.
Nestes
momentos, hai xa 121 concellos adheridos formalmente ao Pacto na
comunidade (42 da provincia de A Coruña, 25 de Lugo, 38 de Ourense e 16
de Pontevedra ) e outros 32 que están en trámites de adhesión ou
contactaron recentemente coa Xunta para interesarse. Tendo en
conta estas cifras, a directora xeral amosouse satisfeita coa resposta
que está a ter o Pacto dos Alcaldes entre o municipalismo galego, xa
que, recalcou, no primeiro ano da Xunta como coordinadora en Galicia,
logrou sumar e atraer a esta iniciativa a 143 entidades locais, 12 delas
cunha poboación superior aos 20.000 habitantes e incluídas catro das
sete grandes cidades: A Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol.
Compromisos e obxectivos das entidades adheridas
Cómpre
lembrar que o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía foi lanzado en
Europa no ano 2008, e implica na actualidade a case 10.000 autoridades
locais pertencentes a 59 países de todo o mundo. A Xunta traballa como
coordinadora do pacto coa convicción de que os retos globais do cambio
climático deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e
partindo da premisa “pensar global, actuar local”. “Cremos que o Pacto é
o mellor instrumento para implicar aos concellos na loita contra este
fenómeno”, opinou.
Nese sentido, María Cruz Ferreira considerou
que, debido á súa maior proximidade á cidadanía, a implicación dos
concellos é “determinante” no proceso de transición enerxética e nos
obxectivos con relación ao cambio climático que se ten fixado a UE para o
ano 2030 (que se resumen nun 27% menos de consumo enerxético, un 40%
menos de emisións de CO2 e un 27% máis de enerxías renovables). Por iso,
lembrou que o reto do Goberno autonómico é traballar para lograr a
adhesión ao pacto da práctica totalidade dos 313 concellos galegos de
aquí a 2020.
En todo caso, a directora xeral subliñou que a Xunta
quere ir mesmo máis alá dos obxectivos fixados por Europa e a través da
Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCC) define a folla de
ruta a medio e longo prazo co obxectivo de converter a Galicia nunha
rexión climaticamente neutra en carbono antes do ano 2050. Este
horizonte equipara á comunidade con outras nacións punteiras na loita
contra o cambio climático, como é o caso de Suecia, Francia, Costa Rica
ou Nova Zelanda.
Funcións da oficina técnica
A Oficina
Técnica do pacto foi creada pola Xunta para actuar como interlocutor
directo cos concellos e servir de instrumento de apoio ás entidades
locais para que coñezan o marco regulador, lexislativo e económico
vixente, ofrecer asesoramento individual para aumentar a súa resiliencia
ante o cambio climático e detectar posibles sinerxías con outros
concellos. Desde que se activou oficialmente a comezos deste ano,
mantivo un papel moi activo e de contacto permanente coas entidades
locais, tanto coas adheridas como con aquelas que deron mostras do seu
interese pola iniciativa. Así, no que vai de ano visitáronse un total de
129 concellos, contactouse con 297 e celebráronse reunións de traballo
con 111.
As principais funcións da oficina consisten en asesorar
aos concellos, axudándolles a levar a cabo un inventario de emisións; a
elaborar o seu propio Plan de Acción para o clima e a enerxía
sustentable (PACES) para o cumprimento dos compromisos fixados pola UE
de aquí a 2030; e a creación de redes con concellos con similitudes
xeográficas, co fin de poñer en marcha accións en común como vía eficaz
para afrontar grandes retos globais, optar a apoios e financiamento e
acadar metas que serían inalcanzables doutro modo.
Ao mesmo tempo,
tamén é a que canaliza, desde o momento en que o pleno municipal aproba
a adhesión, o propio trámite para unirse ao pacto, cubrindo o
formulario a través da web da UE, e encargándose dos posteriores
traballos de carácter administrativo. Os concellos, pola súa
banda, asumen unha serie de compromisos cando deciden sumarse ao
movemento, entre os que cómpre subliñar a redución das emisións de CO2
no seu territorio nun 40% de aquí a 2030 ou aumentar a súa resiliencia
ante o cambio climático. Actualmente hai 20 concellos que xa teñen
realizado o inventario de emisións de referencia.
Impulso definitivo ao Pacto en Galicia
A
entrada en funcionamento deste novo portal web, tal e como explicou
Ferreira Costa, será clave para impulsar e aplicar o Pacto en Galicia,
porque porá a disposición dos concellos os materiais necesarios para
aprobar a súa adhesión, un amplo abano de exemplos de boas prácticas
para o deseño dos plans de acción, e referencias de liñas de
financiamento para a implementación dos mesmos.
Ademais, esta web
fará máis accesible a axenda de eventos que se están a realizar para
favorecer o intercambio de experiencias entre autoridades locais no
desenvolvemento da iniciativa e será o principal vehículo de información
e difusión do Pacto en Galicia. Neste sentido, Ferreira Costa
engadiu que tamén servirá para informar á cidadanía, ONGs e outro tipo
de organismos interesados na loita contra o cambio climático sobre a
situación do Pacto dos Alcaldes en Galicia: número de concellos
adheridos, cumprimento dos compromisos, plans de enerxía e clima dos
concellos dispoñibles, etc.