SANTIAGO DE COMPOSTELA | A Xunta, o Concello de Santiago e Adif
abordaron hoxe conxuntamente os avances na estación intermodal da
capital de Galicia nunha xuntanza da comisión de seguimento do acordo
para o impulso desta infraestrutura.
Na reunión, celebrada no Pazo
de Raxoi, en relación coas responsabilidades da Xunta, a conselleira de
Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez informou de que as obras de
construción da nova estación de autobuses acadan xa o 20% da súa
execución e estarán rematadas no primeiro trimestre do ano 2020.
Así
mesmo, avanzou que os traballos da pasarela peonil que conectarán a
terminal de autobuses coa estación ferroviaria están a pleno rendemento.
E o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, detallou o traballo que
está a desenvolver o Concello para que os accesos ao recinto desde a
avenida de Clara Campoamor estean rematados no vindeiro verán.
Pola
súa banda, a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera avanzou que o
proxecto básico e construtivo completo das seguintes fases da reforma
ferroviaria está redactado e se prevé sometelo a exposición pública no
mes de setembro. O obxectivo é ter rematada a redacción do proxecto
construtivo no mes de novembro.
No encontro tamén participaron o
director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez e o
director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, ademais da concelleira de
Urbanismo de Santiago, Mercedes Rosón, e técnicos de Adif.