El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación presenta a nova película de Ignacio Vilar, "María Solinha"

20-06-2019 16:36:07
Presentada a película María Solinha.

Pontevedra | A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe a nova película de Ignacio Vilar, “María Solinha”, que se gravará integramente na provincia. No acto estivo acompañada do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, do director do filme, Ignacio Vilar, da actriz protagonista, Grial Montes, dos actores Santi Prego e Antón Durán “Morris”, así como representantes da produtora Vía Láctea Filmes e outros participantes no proxecto. Ao comezo da presentación, Carmela Silva asegurou que “apoiar proxectos coma este non só é un investimento, senón tamén unha inmersión na cultura da nosa provincia”. 

“Esta película vai marcar a historia do cine en Galicia”, comezou a presidenta. “Vai falar de María Soliña, nin máis nin menos. Unha desas mulleres ocultadas, silenciadas. Un bo exemplo do que nós temos padecido ao longo da historia. A persecución por querer ser libres, dirixir e tomar decisións sobre o noso patrimonio, por ser sabias, por querer ocupar o espazo que nos corresponde”, explicou Silva. “Paréceme que recuperar esa figura, facelo a través do cine, que é a fábrica dos soños, é unha idea marabillosa que vai dar moito que falar”, continuou.

Silva tamén quixo recordar que “a Deputación de Pontevedra participa neste proxecto porque apoia a nosa lingua e apoia o cine en galego. Ademais, a nivel económico xera moitísimo emprego e atrae turistas”. A presidenta aproveitou para salientar que “co apoio a estas iniciativas promovemos que a xente da provincia que se dedica ao cine teña a posibilidade de facelo e facelo aquí. É unha forma de espallar todo ese talento que temos”. A ese respecto, Silva dedicoulle unhas palabras ao director Ignacio Vilar, dicindo que “é un pracer e un orgullo que haxa xente coma el e coma todo este equipo que o acompaña”. 

Ademais, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, tamén quixo agradecer a Vilar “o seu compromiso coa lingua galega nos seus filmes, no que é un mestre en Galicia”. “Isto fai que o seu cine, feito en galego, estea presente en moitos festivais por todo o mundo. Así, Vilar leva a lingua ao cine, que é unha inmersión lingüística perfecta”. 

O director, que non quixo avanzar moitos detalles sobre o argumento da película, avanzou que, no filme, “a María Solinha do século XVI e a do século XXI foron atacadas polo mesmo dragón”. Con dita afirmación, Vilar explicou que o filme recorre á lenda sobre a que se celebra a Festa da Coca, que conta como un dragón que secuestraba mulleres para violalas foi finalmente derrotado polos mariñeiros da contorna. Tamén quixo informar de que a rodaxe comezará o 19 de agosto e está previsto que remate o 20 de setembro. Así mesmo, avanzou que enclaves de Cangas, Redondela e da Illa de Toralla serán os escenarios que se poderán ver na película. 

Vilar tamén aproveitou para presentar á actriz protagonista e aos actores principais. Grial Montes, que representará a Soliña, quixo agradecer a oportunidade de poder interpretar “a unha muller que permaneceu oculta e da que non se coñece a súa historia”, ao tempo que fixo un chamamento para dignificar a arte dramática. O seu marido, Pedro Barba, será interpretado por Santi Prego, que tamén quixo enxalzar a capacidade de inmersión cultural coa que conta este filme. “Morris”, que fará do inquisidor xeral, mostrouse “encantado de presentar a película en Pontevedra porque Galicia non só ten posibilidades, senón que conta con lugares incribles”. Por outra banda, a produtora de Vía Láctea Films, Eva Rivas, tamén quixo agradecer  a acollida que a Deputación “deu a este proxecto posto que, a partir de aí, saltamos a buscar o resto do financiamento”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias