Monforte de Lemos | A Consellería de Cultura e Turismo
celebrará esta fin de semana as Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos
Viños da Ribeira Sacra, dentro da oitava edición deste programa de
enoturismo que se desenvolve nas cinco denominación de orixe galegas e
no que a consellería inviste máis de 230.000 euros para a súa promoción
ata 2021.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o
delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentaron
hoxe as actividades previstas para os vindeiros días, acompañados polo
presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Viños da
Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e o presidente do Consorcio de
Turismo e alcalde en funcións de Sober, Luís Fernández.
Entre os
días 14 e 16 de xuño abren as súas portas 11 adegas da Ribeira Sacra,
oito delas na provincia de Lugo e tres na de Ourense, que ofrecen
visitas guiadas e gratuítas e a posibilidade de degustar algúns dos
mellores viños da denominación.
Adhírense a estas xornadas algúns
restaurantes nos que se pode escoller entre dous menús concibidos
especialmente para a ocasión, maridados con viños da denominación de
orixe, e complétase a experiencia coa posibilidade de realizar visitas
guiadas a elementos de interese patrimonial e paisaxístico, como os
canóns do Sil, o antigo túnel mineiro de Montefurado, os abundantes
mosteiros e igrexas que dan nome á zona, ou os núcleos oleiros de
Gundivós (Sober) ou Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo).
Entre
outras propostas, tamén se inclúe unha ruta gratuíta polo románico do
Pantón, o sábado día 15, de aproximadamente catro horas de duración
visitando o Mosteiro do Divino Salvador, San Miguel de Eiré, Santo
Estevo de Atán e San Vicente de Pombeiro con guía especializado. E todos
os días, en distintos horarios, unha visita gratuíta ao Centro de
Interpretación do Viño da Ribeira Sacra incluíndo unha degustación.
As
persoas que o desexen poden optar por utilizar o Bus do Viño, un
servizo de transporte e guía acompañante especializado na Ribeira Sacra
cun programa de visitas concreto. Así, o sábado sairán buses dende
Monforte de Lemos, Ourense e Lugo. O percorrido é distinto segundo o
punto de partida, pero todos inclúen varias adegas e actividades
complementarias (visitas a museos, mosteiros, un paseo en lancha polo
Miño...). O domingo haberá saídas dende Monforte de Lemos e Ourense.
Nesta
fin de semana celebran tamén as Xornadas de Portas Abertas as
denominacións de orixe de Monterrei e Valdeorras, mentres que nas do
Ribeiro e as Rías Baixas realizáronse entre o 7 e o 9 de xuño. En total,
participan neste evento 67 adegas. O programa completo pode
consultarse na páxina web das Xornadas das Rutas dos Viños.
Esta
iniciativa enmárcase no compromiso do goberno galego por impulsar e
poñer en valor o enoturismo na nosa Comunidade no que está a realizar un
notable investimento, de 4,3 millóns de euros en diversas accións que
inclúen, ademais da posta en marcha destas xornadas, tamén a
sinalización turística das rutas, museos centrados no potencial
enolóxico en Ribadavia ou no Condado de Tea, o impulso á posta en marcha
do spa viñoterapia de Leiro ou a conservación dos lagares rupestres de
Oímbra, entre outras actuacións ás que se suman o apoio ás numerosas
festas de interese turístico arredor deste produto.