A idade é un dos factores determinantes
no uso da Internet. En Galicia os maiores de 55 anos representan preto
do 40% da poboación e nese punto márcase unha importante fenda no acceso
á rede. De feito, a porcentaxe de uso entre os galegos de menos de 44
anos sitúase en valores próximos ao 100% mentres que os que maiores de
55 non chegan ao 65%.
A pesar dos case 40 puntos de diferenza
entre ambas as franxas de idade, no últimos anos esta fenda foise
acurtando significativamente. Desde 2011, segundo datos do INE, o uso da
Internet entre galegos de 55 a 64 anos incrementouse un 145%, o segundo
maior aumento do conxunto do Estado. Tamén creceu a porcentaxe de
persoas de 65 a 75 anos que navegan por Internet, que por primeira vez
supera o 44% cando en 2011 estaba nun 9,2%.
Para algunhas persoas,
maioritariamente entre os 16 e os 34 anos o uso da Internet é inherente
á súa dinámica habitual. Fóra desa franxa de idade a convivencia con
nenos en idade escolar ou mozas tamén facilita o achegamento á
tecnoloxía. Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da
Información sinalan que o 97,5% dos fogares galegos con nenos de 3 a 16
anos teñen contratado o servizo de banda larga, 17 puntos máis que os
fogares onde non residen nenos. No caso de fogares con estudantes
maiores de 16 anos a porcentaxe elévase ata o 98,9%.
Contratación segundo o tamaño do hábitat
Os
fogares galegos con servizo da Internet contratado pasaron do 51,6% en
2011 a máis do 82%. Nos núcleos máis grandes, os de 20.000 a 100.000
habitantes superan a media galega cunha porcentaxe de fogares con banda
larga contratada de entre o 86 e o 91%. Nos núcleos máis pequenos
foi onde se rexistrou o maior incremento nestes anos. Nos de menos de
10.000 a contratación aumentou máis do dobre pasando do 37,6% a preto do
76% e nos de 10.000 a 20.000 do 55,7% a case o 80%.
Mellora da cobertura
As
actuacións en marcha do Plan de Banda Larga da Xunta e do Estado
garanten que máis de 513.000 galegos de 309 concellos, que carecen de
acceso a redes ultrarrápidas, teñan cobertura de 100Mbps de velocidade
no 2020. Ambas medidas garanten que en 2020 máis do 98% dos
concellos galegos teñan núcleos con acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Esta porcentaxe incrementarase coas novas convocatorias do Estado
previstas para 2019-2021, a última foi publicada en abril de 2019 por un
importe de máis de 20 millóns de euros, e prevese que se resolva este
ano.