A CORUÑA / Noticia patrocinada por IdoVisual | O director da Axencia Galega das
Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou hoxe os
organizadores da (S8) Mostra de Cinema Periférico na presentación dos
principais contidos da súa décima edición, que terá lugar do 31 de maio
ao 9 de xuño na Coruña e que volverá contar co Centro Galego de Artes da
Imaxe (CGAI), da Consellería de Cultura e Turismo, como unha das súas
sedes.
Sutil incidiu no importante papel que este evento
desenvolve na difusión do cinema experimental e de vangarda entre o
público galego e felicitou os seus directores, Ángel Rueda e Ana
Domínguez, por estes dez anos de traxectoria ininterrompida. Un
aniversario que, como explicou, vén avalado polo recente informe do
Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea que recoñece esta
mostra como o evento cultural galego mellor valorado por un panel de
expertos da nosa Comunidade.