El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación estreita lazos con Portugal para ser un destino turístico atlántico

03-05-2019 20:26:19
A Deputación estreita lazos con Portugal.

Abrir vínculos que enlacen os territorios galego e portugués como unha unidade turística na que todos se complementen para competir co resto de destinos do escaparate mundial é un dos obxectivos cos que acode a área de Turismo da Deputación da Coruña á VI edición da Feira Ibérica de Turismo (FIT), que se celebra entre os días 2 e 5 de maio na cidade portuguesa da Guarda para a promoción dos principais destinos turísticos de España e Portugal.  

“Alén do Turismo, para as galegas e galegos Portugal segue sendo algo así como o ‘noso propio Sul’, e desexamos que para os portugueses e portuguesas A Coruña chegue a ser tamén unha especie do ‘seu propio norte’”, destacou o responsábel da área de Turismo da Deputación coruñesa, Xosé Regueira, durante a presentación da FIT, un acto no que tamén estiveron presentes o Ministro de Economía da República de Portugal, Pedro Siza Vieira, o Presidente da Câmara Municipal da Guarda, Carlos Chaves Monteiro, e o director da Feira Ibérica de Turismo, Carlos Condesso.  

“Queremos que a FIT sexa ese espazo de encontro como destino atlántico, e que sexa tamén o punto de partida de multitude de camiños que leven futuro e progreso de Portugal á Coruña, e da Coruña á Portugal”, destacou Regueira, quen tamén agradeceu ao director da FIT a oportunidade de poder levar A Coruña como destino convidado: “Agardamos que esta feira sexa un espazo de oportunidades económicas para todos os expositores presentes”, engadiu o deputado provincial.  

Pola súa parte, o Ministro de Economía, Pedro Siza, destacou a importancia que teñen os territorios do interior para o desenvolvemento do Turismo de Portugal e alertou da necesidade da descomposición da oferta turística: “Nos territorios do interior foi posible atopar motivos para a atracción do turismo durante todo o ano”, incidiu Siza.  

Como destino convidado e única representación galega na feira, a Deputación da Coruña deseñou para este certame un intenso programa de actividades no que a degustación dos produtos de calidade xunto coa promoción dos seus recursos turísticos conforman a grande aposta da institución para activar as sinerxias entre Galiza e Portugal.  

Así, o colectivo "Coruña Cociña" tivo durante esta primeira xornada de feira unha presenza singular no programa da FIT, con varias sesións de showcooking a cargo dos cociñeiros Chisco Jiménez e Gonzalo Padín, que deleitaron aos presentes con propostas culinarias como unha ostra aliñada, alcachofa con pil pil de merluza, tomate confitado con queixo San Simón e os famosos callos de Culuca.

Así mesmo, os asistentes á feira tamén puideron saborear os pinchos irmandiños cociñados por Jorge Guitián e Anna Mayer e probar o pan e a empanada de Carballo, así como a tarta de Santiago. As degustacións da xornada inaugural no stand da Deputación da Coruña contaron coa presenza do ministro portugués e o presidente da FIT.  

Alén da gastronomía, a Deputación da Coruña tamén proxecta no país veciño unha  ampla variedade dos recursos turísticos, patrimoniais, culturais e artesás que posúen os municipios da provincia da Coruña tales como o traballo dos oleiros e redeiras de Malpica, que amosaron aos presentes durante esta primeira a singularidade dos seus oficios. 


Programa    

O programa do venres inclúe showcookings de Álvaro Gantes e Pablo Pizarro, de Coruña Cociña, un evento gastronómico que precederá á degustación de queixos do concello de Capela e de empanadas do concello de Carballo. Entre toda esta oferta gastronómica os visitantes tamén terán oportunidade de coñecer o traballo dos oleiros e as redeiras de Malpica e asistir durante a tardiña á presentación do Asalto ao Castelo de Vimianzo.  

O sábado, a xornada arrancará co showcooking de Tino Otero de Coruña Cociña, ao que seguirá a degustación de queixos do concello da Capela e do concello de Moeche. Tamén pola mañá, haberá unha mostra en vivo da olería de Buño así como unha exhibición do traballo das palilleiras de Camariñas. Durante o serán, os asistentes Terán a oportunidade de asistir ao showcooking de Tino Otero de Coruña Cociña así como de coñecer o traballo das redeiras de Malpica. Durante esta xornada tamén está prevista a presentación do Grand Trail da Costa da Morte, a actuación musical itinerante do concello de Laxe así como un showcooking de troitas do concello de Oroso.  

Xa para o domingo, a última xornada da FIT, as actividades deseñadas pola Deputación da Coruña darán comezo coa mostra en vivo da olería de Buño e co contacontos a cargo do cómico Pedro Brandariz. A continuación, terá lugar o showcooking de Antonio Amenedo de Coruña Cociña, a exhibición da palilleiras de Camariñas e redeiras de Malpica e a degustación de queixos do concello de Moeche. Tamén está prevista para esta xornada de peche a presentación do Grand Trail da Costa da Morte, o espectáculo cómico ‘Saabor’.  

Ademais destas actividades, o stand da Deputación da Coruña proporcionaralle aos visitantes da Feira Ibérica de Turismo toda a información de carácter xeral que precisen sobre os produtos e servizos turísticos que posúe a provincia. Departamento de comunicación / Deputación da Coruña





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias