El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Nacional

GALICIA | LEI DE PESCA

Galicia contará cunha Lei de Pesca Continental

02-05-2019 17:53:25

O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que Galicia contará cunha nova Lei de Pesca Continental que apostará pola remuda xeracional; a educación, a sensibilización e o respecto da conservación dos ríos; o fomento da pesca sen morte e o desenvolvemento do rural tanto no eido económico como turístico.

“Estamos a falar dunha lei que permitirá converter aos rapaces e ás rapazas, a futura poboación adulta, nos primeiros defensores do ámbito fluvial; impulsar a pesca sen morte pouco a pouco, pero de forma determinante, como un modelo sustentable; empregar a pesca como ferramenta de desenvolvemento turístico, económico e social do medio rural; e dotarnos dunha boa planificación estratéxica de xestión da pesca para optimizar a xestión dos recursos”, insistiu.

En relación á remuda xeracional, Feijóo destacou que o texto impulsará a posta en marcha das escolas de río, co fin de implicar e educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais. Engadiu, como novidade, que as persoas de idade igual ou inferior a 14 anos poderán practicar pesca deportiva e recreativa sen necesidade de licencia, sempre acompañados dun adulto; e a gratuidade de taxas “estenderase tanto aos menores de idade como aos maiores de 65 anos”, precisou.

O novo documento fomentará tamén a pesca sen morte, que vai gañando adeptos en España e constitúe a regra común na maioría dos países con tradición no ámbito da pesca. “O obxectivo é que aumente progresivamente a súa implantación e que se acade un equilibrio entre esta modalidade e a tradicional”, dixo, e especificou que para logralo o anteproxecto recolle medidas como actividades de promoción e divulgación; programas de formación específica dentro da Estratexia galega de educación ambiental; a gratuidade dos permisos de pesca sen morte para os menores de idade; e a limitación desta modalidade como a única permitida no caso dos escenarios deportivos, sociais e de formación.

Sobre este punto, Feijóo precisou que se incluirá unha nova clasificación para os máis de 14.000 km de ríos de certa entidade, con dúas novas categorías. “Manterase a categoría de masas de auga de especial interese para a riqueza piscícola. E, engadiranse as categorías de: escenarios deportivos, sociais e de formación, e de augas de aproveitamento privado”, afirmou.

No tocante ao fomento da pesca como instrumento de desenvolvemento turístico do medio rural, Feijóo subliñou que se prevé a concesión de aproveitamentos piscícolas en tramos de ríos, encoros e lagoas, a empresas turísticas, prioritariamente asociacións. E, incluirase a especial protección e regulación para determinadas actividades tradicionais de pesca continental, como as pesqueiras do río Ulla e as estacadas do Tea.

Así mesmo, con respecto aos principios básicos desta lei, redactarase un Plan galego de ordenación da pesca continental. E cómpre salientar tamén que o plan recollerá que as repoboacións e soltas serán realizadas unicamente con especies autóctonas e poñerá límites ás especies exóticas invasoras.

Outra das novidades é a prohibición do emprego de substancias ou aparellos paralizantes, tranquilizantes, atraentes ou repelentes de peixes, así como pesos que conteñan chumbo e a pesca con peixes vivos. “Ademais, introducirase un sistema de autoguiado para o caso dos reos, no que o propio pescador será o que comunique á administración os datos dos reos capturados a través dunha aplicación informática”, precisou.

Reducirase un 20% o importe da sanción proposta cando o pescador recoñeza a súa responsabilidade; e, outro 20% cando efectúe o pagamento en período voluntario dentro do prazo para presentar alegacións.

“En Galicia hai aproximadamente uns 55.000 pescadores de pesca continental e 14.000 quilómetros –dos 30.000 km de ríos- susceptibles de pesca. Incorporamos á lei medidas co fin de poñer a funcionar este activo da mesma forma que noutros países”, concluíu.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias