El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

REXISTRO GALEGO

Máis de 8.300 persoas inscribiron o seu testamento vital no Rexistro Galego de Instrucións Previas

19-03-2019 11:31:32

Un total de 8.315 persoas teñen formalizado a súa inscrición no Rexistro Galego de Instrucións Previas (datos desde a entrada en funcionamento en marzo de 2008 ata finais de decembro do pasado). Delas, o 63% son mulleres e o 37% son homes. Por medio do documento de instrucións previas, unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade, coa fin de que esta se cumpra no momento en que chegue a situacións nas que non sexa quen de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo ou dos seus órganos.

A idade media dos outorgantes é de 58 anos. No referido ao contido do documento, practicamente a totalidade dos asinantes (máis do 99%) fan mención expresa sobre os coidado e o tratamento da súa saúde. O 47% mostrouse ademais favorable á doazón de órganos e tecidos e o 6% manifestou a súa intención de doar o seu corpo. 

Por provincias, o 48% das persoas anotadas concéntrase na Coruña, seguida por Pontevedra co 32%, Lugo co 11% e Ourense co 9%. Por grupos de idade, o 36% das persoas que deciden inscribirse no Rexistro de Instrucións Previas teñen máis de 65 anos, o 34% sitúanse na franxa de idade de entre os 51 e os 64 anos, o 25% entre os 31 e os 50, e o 5% entre os 18 e os 30 anos. 

Observando a formalización do documento, do total dos 8.315 cidadáns inscritos, o 45% formalizou o documento ante testemuñas, o 26% das persoas formalizaron ante notario, e o 29% ante un funcionario habilitado. Esta última opción está dispoñible dende xaneiro de 2015.  


Procedemento de inscrición 

As solicitudes de inscrición poden presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia; en calquera rexistro autonómico ou estatal; nos servizos centrais da Consellería de Sanidade en Santiago e en calquera das unidades do Rexistro galego de instrucións previas. Toda persoa que o desexe pode dirixirse, ben de forma presencial ou telefónica, a calquera destas unidades, onde se lle proporcionará a información e axuda necesaria, tanto na elaboración do documento como nos trámites para a súa inscrición.

Tamén se poderá depositar o documento nos rexistros oficiais ou mesmo nos centros do Servizo Galego de Saúde, que darán traslado para a súa tramitación no Rexistro Galego. O documento de instrucións previas deberá estar formalizado ante tres testemuñas maiores de idade con plena capacidade de obrar, das que dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, nin estar vinculadas por relación patrimonial, coa persoa outorgante. Tamén se poderá formalizar ante notario ou ante un funcionario do propio Rexistro Galego de Instrucións Previas ou dunha das súas unidades, sen necesidade da presenza de testemuñas. 


Consulta na historia clínica electrónica 

Os profesionais sanitarios poden consultar o documento de instrucións previas rexistrado a través da Historia Clínica Electrónica, para que sexa tido en conta naquelas circunstancias nas que sexa preciso. Así mesmo, o Rexistro Galego de Instrucións Previas sobre Coidados e Tratamento da Saúde está integrado no Rexistro Nacional para, deste xeito, contribuír a asegurar a eficacia deste dereito en todo o Estado. Polo tanto, as instrucións previas, con independencia da Comunidade Autónoma, poden ser coñecidas polos profesionais sanitarios aos que nese momento corresponda a responsabilidade da prestación da asistencia sanitaria. 

Entre as funcións do Rexistro Galego están a de inscribir os documentos de instrucións previas, así como a súa substitución ou revogación, que se pode facer en calquera momento. Ademais de facilitar o coñecemento da existencia e o contido dos documentos inscritos aos profesionais responsables da asistencia sanitaria, custodian os mesmos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias