A portavoz
nacional, Ana Pontón, abriu o Consello Nacional destacando os retos dos
próximos meses que concretou nunha axenda social marcada pola defensa da
sanidade pública e por un 8M chamado a ser outra “mostra de forza” do feminismo
galego e, sobre todo, a cita electoral das municipais e europeas.
Un 26M,
salientou a líder nacionalista, que o BNG pode encarar cohesionado e con
proxecto definido: “É
o momento de apostar por Galiza, e a mellor maneira de facelo, dígoo con
humildade pero con clareza, é da man deste BNG que está unido e no que temos un
proxecto claro para o país”. Con esas bazas, recalcou, “podemos encarar estas
eleccións sen autolimitarnos e coa vontade de liderar un tempo novo, se facemos
daremos un paso decisivo o 26M que sexa o principio do fin do decenio negro de
Feixóo”.
É máis, nun
contexto de involución democrática, que no
caso de Galiza hai que sumar o lastre da irrelevancia política, Pontón ve “máis
necesario ca nunca este BNG forte que tende a man a toda as persoas que pensan
que un futuro mellor só é posible desde forzas propias”.
De feito, a
discriminación nos orzamentos do Estado “mostra canto precisa este país unha forza sen tutelas nin
ataduras” ao tempo que constata, unha vez máis, “a inutilidade para Galiza das
forzas estatais, de dereitas, de esquerdas ou das que prometeron cambialo todo
e non cambiaron nada. Tres versións distintas cun denominador común: que pasan
olimpicamente deste país”, denunciou Pontón.
“Este pobo merece respecto e iso demostrase con
investimentos xustos”, proclamou, lembrando que as cifras de inversión medran
en Andalucía, Catalunya, Valencia, Madrid, Aragón, Asturias ou Estremadura,
mentres baixan un 19% en Galiza. Pese a iso, ningunha forza estatal presentou
unha emenda, -onte rematou o prazo-, a favor dos intereses dos e das galegas.
“Ímolo facer
nós no próximo pleno cunha proposta de
2.000M€ como mínimo, a mesma cifra de investimento que hai 10 anos cando o BNG,
da man de Francisco Jorquera, condicionaba os orzamentos do Estado”,
avanzou.
Pontón presentou
ao Bloque como un “muro de contención” contra esa irrelevancia política “a que
nos conducen quen nos goberna”, pero tamén contra a involución democrática “agravada por unha dereita botada o monte, en pleno frenesí
españolista, que está mostrando a súa peor cara, -machista, racista e
antigalega-, e que carreta autobuses a Madrid en contra do diálogo e en contra
dos intereses de Galiza”.
A ritmo de bolero
Neste contexto, a líder nacionalista ve un presidente da
Xunta pregado ás ordes do seu xefe de filas en detrimento dos e das galegas.
“Volve demostrar que as súas prioridades son primeiro o PP,
segundo o PP e terceiro o PP, abrazando o discurso da ultra dereita que lle marca Casado”, criticou
Pontón botando man da ironía. “Como di o bolero: si tu me dices ven lo dejo todo. Casado díxolle ven, e Feixóo
apurouse para coller un avión desde Nova York e plantarse en Madrid. Que bo
vasalo se tivese un bo señor!”.
En contraposición, subliñou, “no BNG temos calaras as prioridades
e ao lado de quen temos que estar, que son os milleiros de galegos e de galegas
que se van manifestar nas rúas de Santiago en defensa da sanidade pública. Esa
é a distancia que nós separa de Feixóo e do PP”.
Aumento da afiliación
Pontón pechou a súa intervención ante o Consello
Nacional facendo un chamamento a implicarse, “porque son tempos de mollarse e
de actuar con rebeldía para gañar o futuro”. Neste sentido, desvelou que o BNG
está recibindo un “aluvión” de solicitudes de información e novas afiliacións
“de galegos e galegas que deciden activarse politicamente sumándose ao Bloque”.
“Representa unha alegría ver que, nun escenario de desesperanza e frustración, cada vez máis xente pousa
en nós a ilusión dun cambio real, a esperanza de que as cousas sexan
diferentes”, declarou, “pero tamén representa unha responsabilidade porque
temos que estar á altura dese reto. Non imos fallar porque o país digno,
próspero e con futuro que soñan é o que nós soñamos”.
Por iso, instou a toda a organización a afrontar “con
confianza e decisión” o reto electoral. “Sei que traballamos desde a humildade
e desde a convicción de que o BNG é a mellor opción para os concellos e para o
Parlamento europeo. Pídovos a todos e a todas que sigamos traballando e sumando
para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu. Departamento de comunicación