A Consellería de Cultura e Turismo
expresa a súa satisfacción logo de que o Entroido de Xinzo de Limia veña
de ser declarado de Interese Turístico Internacional. Convértese así no
primeiro entroido galego en acadar esta distinción e na primeira
festividade da provincia de Ourense en obtela. Coa súa incorporación,
conséguese tamén que as catro provincias galegas conten xa con algunha
celebración coa máxima distinción que se pode acadar no eido turístico.
O
Ministerio de Industria, Comercio e Turismo acaba de outorgar esta
declaración, culminando así un proceso que a Xunta de Galicia vén
apoiando nos últimos anos. O Entroido de Xinzo de Limia únese así á
Festa do Albariño de Cambados –recoñecida o ano pasado con esta
distinción- a festividade do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de
Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa
das Bestas de Sabucedo (A Estrada), o Corpus Christi de Ponteareas, a
Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San
Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona.
No modelo
turístico galego, estas celebracións ocupan un lugar destacado. Por iso a
Xunta mantén unha colaboración estable, dedicando tamén ao completo
unha das 11 liñas da Estratexia do Turismo de Galicia 2020 a potenciar
os valores que fan diferente o destino galego, onde se inclúe o coidado
do enfoque turístico das celebracións festivas galegas.
Once festividades
Os
entroidos son unha das maiores riquezas do patrimonio cultural de
Galicia e unha das manifestacións populares máis importantes do ano que
contribúen a acrecentar o atractivo turístico da Comunidade tamén
durante o inverno. Xunto a Xinzo de Limia, tamén ten recoñecemento de
interese turístico –neste caso nacional– o entroido de Verín. Sete máis
son de interese turístico de Galicia: Viana do Bolo, Cobres, Laza,
Manzaneda, Xenerais da Ulla –que comprende ata nove concellos–, Maceda e
Vilariño de Conso.
Todas estas festividades son un dos máis
importantes recursos turísticos cos que conta Galicia, que suma 141
distincións entre as de Interese Turístico Internacional (11), as de
Interese Turístico Nacional (dez) e as de Interese Turístico de Galicia
(120).