O
presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, confirmou hoxe, durante
unha xuntanza co alcalde Xulio Ferreiro avances nos proxectos fundamentais para
a cidade e novas iniciativas para facer unha A Coruña con máis benestar, máis
servizos e con máis infraestruturas e mobilidade, nesta liña aseverou que a
Xunta ten investidos máis de 300 millóns desde 2009, aos que se sumarán, como
mínimo, 260 millóns mais, que xa están en marcha ou previstos.
Durante a
reunión, o titular da Xunta referiuse en primeiro lugar a Alcoa, ao futuro da
fábrica e aos traballadores que ven en risco os seus empregos. Ao respecto,
incidiu na necesidade de que a compañía negocie sen ultimatos e,
simultaneamente, o Goberno central estableza un marco do prezo da enerxía para
as empresas electrointensivas, “xa que sen el estamos facilitando a marcha de
Alcoa e poñendo en cuestión o mantemento de 5.000 postos de traballo en
Galicia”, abundou.
Máis benestar
Feijóo
reiterou que a prioridade da Xunta na Coruña é continuar mellorando os servizos
públicos, como proban os 50 millóns de euros que entre 2009 e 2015 se
investiron na cidade nesta materia e que fixeron posible: que estean
funcionando as novas urxencias, que multiplicaron por 5 a superficie anterior;
o novo bloque cirúrxico, con 15 novos quirófanos (incluído o híbrido de última
xeración); o novo servizo de radiodiagnóstico; a nova central de esterilización;
ou tamén o novo centro de saúde en Novo Mesoiro.
Nesta mesma
liña, o responsable do Goberno galego solicitou ao Concello unha localización
axeitada para poder facer un novo centro de saúde na zona de Federico Tapia, ao que engadiu que a Administración autonómica
está a executar as obras das urxencias do Materno-infantil, que xa están na súa
fase final grazas a un investimento de 1,2 millóns de euros. E tamén reiterou
a decisión de continuar coa renovación das instalacións do hospital
universitario da Coruña que, cun investimento de 11,4 millóns de euros – 7 xa
está licitados- incluirá melloras tan importantes como a reforma do hospital de
día.
Novo hospital
Así mesmo,
constatou a iniciativa da Xunta de facer un novo hospital na Coruña, “un
complexo hospitalario público na cidade con dúas opcións: ampliar ata 50.000 m2
a superficie onde está actualmente o hospital, ocupando solares adxacentes; ou propoñer
un novo hospital nun novo emprazamento”, contando coa participación dos
profesionais, as institucións e a cidade.
No ámbito
da educación pública, aseverou que a principal actuación de futuro nesta
materia é a construción do novo colexio en Novo Mesoiro. Así, avanzou que esta infraestrutura,
cuxa previsión é que estea en funcionamento para o curso escolar 2020/21, conte
cunha capacidade para 450 alumnos.
En materia
de benestar, Feijóo subliñou que, se ben o balance dos últimos anos inclúe tres
novas escolas infantís públicas e dous novos centros de día. O obxectivo do
Executivo autonómico é seguir incrementando o acceso dos coruñeses aos servizos
públicos e, con ese fin, impulsarase nesta lexislatura unha nova residencia de
maiores na cidade; un proxecto que conta xa cos terreos, e que “esperamos poder
licitar nos primeiros meses de 2019”.
Máis servizos
En relación
á vivenda, o titular do Goberno galego recordou que xa se están a construír as
vivendas de promoción pública no Parque Ofimático. Unha iniciativa que porá á
disposición dos cidadáns que máis o precisan 40 vivendas de promoción pública. “E
xa temos en tramitación a futura Lei de rehabilitación, que permitirá declarar
unha área Rexurbe nesta cidade”, dixo, precisando a intención de comezar polo
barrio do Orzán, ademais de subliñar as actuacións nas novas áreas de
rehabilitación integral xa declaradas na Coruña -Casas de Franco, Labañou e
Núcleo de Elviña-.
E, co fin
de prestar un mellor servizo aos cidadáns que teñan máis dificultades para
acceder a unha vivenda, Feijóo pediu ao alcalde que o Concello se incorpore
–como xa fixeron moitos outros concellos- ao Programa de vivendas baleiras,
posto en marcha de acordo coa Fegamp.
En relación
á mobilidade na área da Coruña, o presidente da Xunta referiuse á conexión da
Vía Ártabra coa N-VI, que se licitará este mesmo mes no treito que depende da
Administración autonómica. “E seguiremos reclamando ao Goberno central no
relativo á conexión coa AP-9 que lle compete”, engadiu.
Feijóo
destacou tamén o Plan de sendas na comarca, con actuacións en case 6
quilómetros -unha das máis importantes, a pasarela entre A Grela e Marineda que
estará finalizada no primeiro cuadrimestre de 2019-; ou os avances na mellora
dos accesos ao Polígono de Sabón, a ampliación da avenida da Deputación e o
terceiro carril en dirección Fisterra. Sobre a ampliación de Alfonso Molina, Feijóo
incidiu na necesidade de que se desbloquee no menor tempo posible.
Ao longo da
xuntanza, e en relación a estación intermodal, o responsable autonómico
lamentou os atrasos ante as discrepancias co Concello, e trasladou tres
propostas: pechar o convenio canto antes, concretando as responsabilidades de
cada Administración e cun investimento da Xunta de 15 millóns de euros; licitar
posteriormente o proxecto básico; e valorar para “gañar uns meses” a
posibilidade de tramitar a intermodal pola Lei de obras de interese público ou
por unha modificación puntual do PXOM.
En materia
de mobilidade, ambos falaron tamén do transporte, constatando que o transporte
metropolitano que funciona desde 2011 segue a ser un éxito. E confirmaron tamén
que a penetración do transporte metropolitano na cidade foi ben recibida entre
os veciños e está funcionando de maneira axeitada. Non en van, só nas liñas
incluídas na 1ª fase rexistrouse un incremento dos viaxeiros nun 10 %.
Así mesmo,
Alberto Núñez Feijóo animou ao alcalde a que estenda a gratuidade das liñas
urbanas aos menores de 19 anos, tendo en conta que é unha competencia do Concello,
“como facemos nós nos treitos interurbanos que son competencia da Xunta”. E, no
tocante á unha posible creación da Área Metropolitana da Coruña, trasladou a
necesidade de que sexa acordada por todos os concellos.
Na reunión,
ambos abordaron tamén os temas relacionados co saneamento, recordando que a Xunta
xa acometeu todas as actuacións de responsabilidade autonómica, tras un
investimento de máis de 100 millóns na ría do Burgo. “En novembro completáronse
as últimas obras: o tanque de tormentas en Santa Cruz, e os bombeos do Temple e
da Pasaxe. E o que queda agora é acometer a dragaxe da ría, unha actuación que
debe acometer o Goberno central”, asegurou.
Por outra
banda, comentou varios temas ao respecto de diferentes edificios ou proxectos de
interese para a cidade, entre os que destacou o peche do Museo de Arte
Contemporánea. “Unha decisión que a Xunta non comparte”, reiterou, insistindo
na necesidade de que a empresa estableza unhas pautas de mantemento da
colección que está no edificio.
Feijóo fixo
fincapé no compromiso da Xunta coa reforma do edificio Gregorio Hernández; unha
actuación que cun investimento de máis de 6,5 millóns de euros reformará a
antiga sede da Consellería de Sanidade para poñer á disposición dos coruñeses,
entre outros servizos, unha área para menores e persoas en exclusión, outra
para formación, e outro para instalar a base do 061.
Terreos da Solana
Por último,
lembrou a necesidade de, entre todos, ser capaces de buscar unha solución no
relativo aos terreos da Solana, un proxecto fundamental para o futuro da Coruña.
Ao respecto, recordou o acordo firmado co Ministerio de Fomento con dous
obxectivos: asegurar o financiamento público da conexión ferroviaria desde o
porto actual da Coruña ao porto exterior por un importe de 140 millones, e un
un investimento da Xunta de 20 millóns de euros para recuperar para a cidade o
porto interior.