El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación esixe á Xunta “transparencia” na distribución de fondos aos concellos

30-11-2018 16:13:11
O pleno da Deputación da Coruña.

A Coruña. O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular, unha moción instando á Xunta de Galicia a aplicar a “transparencia no reparto de axudas” aos concellos e entidades locais.

O texto aprobado hoxe denuncia que a Xunta de Galicia repartiu “a dedo” 22,5 millóns de euros nos últimos dous anos e esixe ao goberno galego a aplicación dun modelo similar ao Plan Único, baseado en criterios obxectivos para a distribución de fondos que permita aos municipios “deixar de mendigar axudas” e que se adecúe “a un modelo propio do século XXI, onde non procede o escurantismo”.

A moción insta ao goberno galego a regular, mediante unha lei autonómica consensuada coa Fegamp, un sistema de financiamento xusto para os concellos galegos, que garanta a igualdade de acceso cunha convocatoria pública á que poidan concorrer todos os concellos en igualdade de oportunidades.

Asemade, solicítase que se integren no Fondo de Cooperación Local as partidas non finalistas do capítulo de transferencias locais e das subvencións que os concellos perciben anualmente.

“O que propoñemos é que os fondos dos concellos para os concellos da Xunta se repartan de xeito obxectivo coma se fai dende hai anos na Deputación”, afirmou o portavoz do Grupo Socialista, Bernardo Fernández, que censurou que en programas como o Plan Urban “todos os concellos menos un son do PP”.

O voceiro socialista dixo que mentres a Xunta, cun orzamento de 9.200 millóns destina 124 millóns para 313 concellos; a Deputación, con 178 millóns de presuposto, inviste máis de 90 no Plan Único.   

Fernández criticou “as liñas de axudas que se outorgan por orde de chegada, o que pode facernos pensar que alguén ten información privilexiada, xa que algunhas convocatorias de subvencións da Xunta esgótanse apenas horas despois de ser convocadas, incluso durante a fin de semana”. “Qué valoran máis vostedes a celeridade ou a obxectividade”, preguntou o voceiro socialista.

O voceiro do BNG, Xosé Regueira, sostivo que “a Xunta debía atender a todos os concellos” e censurou que o Concello de Carballo, con 32.000 habitantes, reciba só 45.000 euros da Xunta este ano.

“Na Xunta óptase por outro modelo no que pasan cousas estrañas, no Plan Urbe o 93% das axudas foron para concellos do PP e no Plan de Infraestruturas e Equipamentos axudáronse a 75 concellos, 59 gobernados polo PP mentres que o Plan de Infraestruturas e Equipamentos de Medioambiente repartiu 4,3 millóns entre 19 concellos dos que 15 foron do PP", sinalou Xosé Regueira na súa intervención.

O portavoz do PP, Agustín Hernández, afirmou que “existen fondos condicionados e incondicionados, como o Fondo de Cooperación Local, cunha participación ligada aos ingresos da Xunta e un sistema de reparto consensuado coa Fegamp”. “A Xunta ten un Fondo de Cooperación Local que distribúa con transparencia e obxectividade”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias