El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Eli Ríos gaña o Premio González Garcés de poesía con "Ningunha tortilla é mala"

18-10-2018 17:44:27
A escritora Eli Ríos.

A Coruña. A escritora Eli Ríos é a gañadora da 29ª edición do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña coa súa obra "Ningunha tortilla é mala". Sivia Penas, con Subministro, é a finalista do certame. 

O xurado composto por Vicente Araguas, Enma Pedreira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafa Vilar e Lorena Conde como gañadora da edición anterior, presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei coa xefa de sección, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, optou por "Ningunha tortilla é mala", de Eli Ríos, como gañadora do Premio González Garcés de poesía entre os 92 orixinais presentados ao concurso. Como finalista, o xurado escolleu o libro Subministro da poeta Silvia Penas. 

O xurado destaca que na obra de Eli Ríos, "hai unha poesía pictórica e secuencial, case minimalista que xoga coa metalingüística" e nela atopan tamén  "humor e a retranca que, sen romper a profundidade do texto, o alixeira". "O texto ten a capacidade de conectar un mundo que vai do detalle ao universal, mediante un xogo linguüístico no que se vale dunha estética do silencio", apunta o fallo do xurado que fala dunha obra "moi sensorial que podería resumirse como o relato da elaboración dunha tortilla sinestésica como metáfora do desexo. 

En canto á obra de Silvia Penas, o xurado apunta que "reflexa a poesía do cotián, co pano de fondo do mundo do traballo das mulleres; o texto utiliza o humor, atemperado pola boa linguaxe poética e pode considerarse unha actualización do mito da torre de marfil na que vivían os poetas". 

Con anterioridade ao González Garcés, Eli Ríos gañou premios de poesía como o do XII Premio Concello de Carral (2009) con nós escoitando o badalo de marienplatz, o IV Premio de poesía erótica Illas Sisargas (2009) con rúa da cancela, o I Premio Figurante (2013) con María, o II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey (2014) con anamnese e o III Premio Gonzalo López Abente (2017) con Culpable. Ademais, como narradora, Eli Ríos gañou o Modesto Figueiredo en 2015 con Doe tanto a túa ausencia, o XII Premio Pura e Dora Vázquez de Narración da Deputación de Ourense con Marta e a píntega, e o Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña en 2017, na primeira edición en que se convocou unha modalidade exclusiva para galego coa obra Luns. A autora forma parte do colectivo de crítica literaria feminista A Sega e colabora na revista dixital do mesmo nome. 

Silvia Penas, finalista do premio, forma parte do proxecto musical e poético Cinta Adhesiva e ten publicado os libros As uñas crecen (Sotelo Blanco, 2014), gañadora do Premio Lueiro Rey de Fornelos de Montes e Diario de landras, bailarinas, asasinas e flores, (Fervenza, 2016), gañador do premio Avelina Vallarades 

O premio consiste en 6.500 € máis a publicación da obra premiada por parte da Deputación da Coruña dentro da colección do Premio González Garcés. 

A primeira edición do certame de poesía da Deputación da Coruña celebrouse en 1991 con Xavier R.Baixeras como gañador. Desde entón, o premio González Garcés convocouse en 19 edicións e ten entre a relación de gañadores e gañadoras nomes como Luz Pozo Garza, Xulio L. Valcárcel, Paulino Vázquez, Marta Dacosta, Estevo Creus, Ramiro Fonte, Manuel Álvarez Torneiro, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Román Raña, Miguel Anxo Fernán Vello, Medos Romero, Xavier Lama, Manuel Anxo Darriba, Ramón Neto, Carlos Penela e Lorena Conde na súa última edición. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias