A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de
presentar unha batería de emendas na Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e
Asuntos de Interior do Parlamento Europeo, da que é membro. As 20 propostas presentadas
van encamiñadas a garantir que os futuro Fondo Social
Europeo (FSE) poida facer unha “política efectiva” de prevención da xenofobia e
a intolerancia nun contexto europeo de aumento do populismo ófobos polo aumento
dos movementos migratorios crecentes no que debe potenciarse a integración das
persoas.
“Agora que se están negociando os fondos
europeos é o momento de facer as propostas
ao Fondo Social Europeo que permitan unha maior protección dos dereitos
humanos e as liberdades e loitar contra o racismo e a xenofobia”, explica a
eurodeputada nacionalista, quen considera que a Comisión de Liberdades xoga un
papel fundamental no freo da deriva ultraconservadora e autoritaria que se está
producindo nalgúns dos Estados Membros da UE.
Outra das emendas presentadas polo Bloque na
Comisión de Liberdades refírese á
protección dos menores migrantes que viaxan sen estar acompañados. “É
imprescindible garantir a súa seguridade, pois de moitos xa non se sabe nin
onde están e temos que evitar que caian en mans das mafias que operan
aproveitando a súa febleza”, explica Ana Miranda.
Neste sentido
lembra os nenos e nenas que viaxan en embarcacións ou que se atopan sós nos
campos de refuxiados e recorda que na sesión plenaria do pasado mes de abril, o
Parlamento Europeo aprobou unha Resolución, - con 516 votos a favor, 137 en
contra e 43 abstencións- que sinala que a protección dos menores,
independentemente de se son refuxiados ou non, debe ser un obxectivo
prioritario.
Participación
cidadá
Para levar a cabo estas propostas Miranda
considera imprescindible promover a participación da cidadanía e da sociedade
civil, tanto desde o ámbito galego e local. Nesta liña vai encamiñada outra das
emendas presentadas pola eurodeputada do BNG, para quen “as organización que
traballan de forma descentralizada deben recibir os fondos necesarios para
desenvolver as súas tarefas na defensa dos dereitos humanos e as liberdades”.
Por outro lado, a Comisión de Liberdades deu un
primeiro paso na creación dun novo instrumento legal, o Visado Humanitario
Europeo, que facilite o paso seguro ás persoas refuxiadas que queiran solicitar
asilo. “Con esta ferramenta queremos reducir as mortes no mar e proporcionar
vías seguras de entrada, xa que o sistema de asilo europeo actual só permite
que as solicitudes de asilo sexan administradas exclusivamente polo primeiro
país de entrada”, explica Ana Miranda.
A Unión Europea conta actualmente cun
Regulamento sobre o asilo que só se aplica ás persoas que chegan ao territorio
da UE e tramitaran solicitude de asilo, máis que non garante unha entrada segura
en territorio europeo; pola contra, o Visado Humanitario Europeo (VHE)
proporcionaría ás persoas refuxiadas unha vía de entrada segura, xa que se
podería solicitar directamente dende un terceiro país, e garantiría a
seguridade das persoas e a legalidade.