El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Nacional

GALICIA | VIOLENCIA DE XÉNERO

A Xunta outorgou axudas económicas a 293 vítimas de violencia de xénero

10-08-2018 13:50:41

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en rolda de prensa o balance dos datos das axudas, servizos e recursos que o Goberno galego puxo a disposición das vítimas de violencia de xénero durante o primeiro semestre de 2018.

Na primeira metade do ano, a Xunta concedeu axudas económicas a 293 mulleres vítimas de violencia de xénero -isto é, 58 máis que no primeiro semestre de 2017-, a través das distintas liñas que ten habilitadas: axudas anuais con pagamentos mensuais; axudas anuais de pagamento único; e expedientes de concesión de indemnizacións.

Neste sentido, cómpre recordar que o Goberno galego vén de incrementar o crédito, esta mesma semana, da liña de axudas destinada aos pagamentos mensuais en case 960.000 euros, ata situarse nos 3,9 millóns de euros. Galicia foi a primeira CCAA do estado en dispoñer dunha axuda deste tipo e a única que a ten operativa de maneira ininterrompida ao longo de todo o ano, incluíndo ademais como beneficiarias dela ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

Ademais das axudas económicas, a Xunta tamén pon a disposición das vítimas outros recursos, como o programa de atención psicolóxica que desenvolve en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que está dirixido a mulleres vítimas da violencia de xénero, así como aos menores ou persoas dependentes ao seu cargo. Grazas a esta iniciativa, prestouse atención a 516 persoas durante o primeiro semestre.

Existe tamén outro recurso en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía, neste caso orientado a homes con problemas de control de violencia no ámbito da parella e da familia: o programa ‘Abramos o círculo’. Ao abeiro desta iniciativa, téñense beneficiado un total de 62 homes durante estes seis primeiros meses.

No ámbito de recursos dispoñibles para axudar ás vítimas a saír da súa situación, López Abella salientou os bos resultados acadados polo programa de inserción laboral posto en marcha en 2016 polo Goberno galego de forma pioneira, e que vén demostrando o seu éxito ano tras ano. Entre setembro de 2017 e xuño de 2018 participaron no programa 303 mulleres, conseguindo mellorar todas elas a súa empregabilidade e acadando a inserción laboral dun total de 67.

Ademais das axudas económicas, o apoio psicolóxico ou o impulso da inserción laboral, Galicia conta tamén cunha Rede de acollemento composta por 5 centros de acollida (A Coruña, Ferrol, Ourense, Lugo e Culleredo) e o Centro de Emerxencia de Vigo. Durante estes seis meses, acolleron temporalmente a 164 persoas (90 mulleres e 74 menores). Pola súa banda, o Centro de Recuperación Integral de Santiago de Compostela atendeu a 11 persoas na primeira metade do ano. Este Centro, aberto a mediados de 2014, actúa como coordinador para o acceso a Rede galega de acollemento.

Xa para rematar o percorrido polos principais recursos ofertados polo Goberno galego, López Abella indicou que o teléfono de información ás mulleres (900400273) recibiu no primeiro semestre máis de 1.700 chamadas. A maioría delas solicitaron atención psicolóxica (56,5%). Os seguintes temas de consulta, pero xa con moita diferenza, foron: orientación sobre recursos (19,58%) ou información na área xurídica (10,35 %).

Ademais, recibíronse un total de 28 consultas a través do servizo de asesoramento xurídico en liña. Os temas principais das consultas foron a asistencia xurídica gratuíta e lexislación e información xurídica.

A Xunta tamén conta cun servizo de teletraducción, para facilitar que todas as mulleres poidan acceder a axuda e aos recursos que teñen á súa disposición. Este servizo, que está dispoñible en 51 idiomas distintos en 60 Centros de Información á Muller (CIM), 11 ONGs e en todos os centros de acollida, usouse no primeiro semestre durante un total de 321 minutos. A maioría das peticións foron para árabe, seguido de georgiano e francés.


Denuncias e medidas de protección

Na comparecencia de prensa, a secretaria xeral da Igualdade informou tamén do número de denuncias presentadas durante o primeiro trimestre de 2018, de acordo cos últimos datos facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Durante eses tres meses, presentáronse 1.254 denuncias, a gran maioría delas na provincia da Coruña e Pontevedra. No mesmo período do ano pasado, o número de denuncias foi de 1.574.

Na primeira metade do ano os xulgados comunicaron un total de 762 medidas de protección. Ademais, un total de 539 mulleres contaron con protección móbil e 32 agresores tiveron un sistema telemático para cumprir a orde de afastamento.

Para rematar, López Abella recordou que desde 2013 o Goberno galego conta cun protocolo para o exercicio da acción popular por parte da Xunta nos procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero. Desde entón, son 14 os procedementos nos que se personou.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias