El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A CORUÑA

A Xunta súmase á celebración dos 250 anos do primeiro teatro lírico coruñés

18-07-2018 19:05:11

A Asociación Amigos da Ópera da Coruña presentou hoxe a súa Programación Lírica 2018, que estará marcada pola conmemoración dos 250 anos do nacemento do primeiro teatro lírico coruñés e para a que se producirá a ópera Il pirata, de Vicenzo Bellini, e se ofrecerá un concerto conmemorativo especial a cargo da mezzosoprano canadiana Vivica Genaux. A Xunta de Galicia súmase a esta efeméride mediante un convenio de colaboración polo que achega 135.000 euros para a realización destas actividades, 10.000 máis que o destinado o pasado ano.

En 1768 dátase a fundación por Nicola Setaro do primeiro teatro dedicado á ópera na Coruña e, polo tanto, das primeiras representacións do xénero celebradas na cidade. Por este motivo, Amigos da Ópera dedícalle a súa carteleira deste ano a lembrar e homenaxear este feito, rescatando a figura como pioneiro da vida musical coruñesa e impulsor da ópera italiana en Galicia que foi Setaro. Prográmase así a produción dunha das obras fundamentais do belcanto, Il pirata, de Vincenzo Bellini e libreto de Felice Romani, estreada en 1827 en Milán.

Para esta ocasión contarase na dirección escénica cunha figura recoñecida do panorama escénico galego, Xosé Manuel Rabón, acompañado na dirección musical por Antoncello Allemandi, cun elenco do que forman parte as sopranos Saoia Hernández e Carmen Subrido, o barítono Juan Jesús Rodríguez e o tenor Francesco Pio Galasso, todos eles acompañados pola Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coro Gaos. 

O resultado desta montaxe, que se amosará o 8 de setembro no Pazo da Ópera da Coruña, irá acompañado por outra actividade que enriquecerá aínda máis esta celebración. Será o 29 de setembro no Teatro Colón, onde terá lugar o concerto A Coruña: 250 anos de ópera, a cargo da mezzo canadiana Vivica Genaux, que servirá para que a cidadanía se poida remontar a finais do século XVIII e vivir musicalmente aquel período, con especial fincapé na peripecia vital e artística de Nicola Setaro.


Mirada galega a cargo dos nosos profesionais

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou no acto de presentación celebrado esta mañá, no que recoñeceu o labor como colectivo de Amigos da Ópera, asociación que preside a pianista Natalia Lamas, por situar o noso territorio e o noso público no mapa do belcanto europeo e por asumir a produción de Il pirata, título que se está a repoñer nos principais escenarios do xénero a cargo de figuras internacionais. “E por facelo sen renunciar á proporcionarlle a cada nova proposta unha mirada galega desde o momento da posta en marcha da montaxe, a través da configuración dos equipos artísticos e técnicos cunha boa representación nos nosos profesionais”, expresou.

Sutil engadiu que os fins de Amigos da Ópera e os da Consellería de Cultura e Educación conflúen en moitos puntos, tales como facilitarlle o público galego e non galego o encontro co xénero operístico e coas grandes obras líricas do patrimonio universal, dinamizar as industrias culturais galegas e situar A Coruña e, por extensión toda a Comunidade autónoma, como destino turístico cultural de calidade para os seguidores da ópera.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias