El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación leva a música da Orquestra Sinfónica de Galicia aos concellos da provincia

09-07-2018 15:43:52
Presentado as actividades da OSG.

A Coruña.- O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da institución provincial, Goretti Sanmartín, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinaron hoxe o convenio co Consorcio para a Promoción de Música da Coruña, co obxecto de financiar o programa de actividades da Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) durante o ano 2018. 

O convenio supón unha achega económica de 1,5 millóns de euros por parte da Deputación e permitirá levar actuacións da OSG a diversos municipios e colexios coruñeses.

Ademais da Coruña, onde ten a súa sede, as distintas agrupacións da Orquestra Sinfónica de Galicia visitarán concellos coma Santiago de Compostela, Ferrol, Sada, Betanzos, Carballo, Melide, Rianxo, Culleredo, Arteixo e Vimianzo. O acordo recolle actividades como a Tempada da Orquestra Sinfónica de Galicia na Coruña con 21 concertos de abono dos venres, nove concertos de abono dos sábados e concertos extraordinarios.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que que se trata dun “convenio importante para a cidade e a provincia da Coruña, que supón un decidido apoio á difusión da música clásica achegando aos concellos máis pequenos a oferta das distintas agrupacións da Orquestra Sinfónica co fin de que toda a poboación poda gozar da súa programación".

Pola súa parte, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín apuntou que o convenio contribúe á "formación de novos públicos e intérpretes entre as xeracións máis novas, con programas formativos que entroncan directamente coas nosas bolsas artísticas e facilitan a consolidación de novas traxectorias profesionais no ámbito da música clásica".

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, salientou o "nivel de receptividade dos proxectos do Concello da Coruña na Deputación" e destacou as posibilidades que o convenio abre para que a "Orquestra Sinfónica estea presente no territorio por medio das distintas formacións que fan un papel importante na difusión e formación musical".


Concertos en concellos e colexios da provincia

A Orquestra Sinfónica de Galicia protagonizará tamén un concerto en Santiago, catro en Ferrol, un en Sada e un en Betanzos. Pola súa banda, a Orquestra Nova ten xa pechados un concerto en Ferrol e outro na Coruña. Ademais están por determinar as actuacións noutros concellos da provincia da Orquestra de Nenos e do Coro Novo e os Nenos Cantores. No referente ás datas dos Coros da OSG están por determinar e o que si está previsto son catorce actividades, entre concertos en familia e concertos extraordinarios, en diversos colexios da provincia da Coruña.

O Consorcio para a Promoción da Música ten por obxecto a promoción da cultura a través da música, facilitar o acceso da cidadanía á música de calidade e mellorar o ensino musical e a formación das novas xeracións de intérpretes.

Consciente da súa importancia, a Deputación da Coruña, a través das vías de colaboración, promove que o Consorcio amplíe as súas actividades fóra da cidade da Coruña, levando a OSG a Sada e Betanzos e traballando con Concellos como Carballo, Melide, Rianxo, Culleredo, Arteixo e Vimianzo para organizar concertos en función da dispoñibilidade de espazos e auditorios. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias