El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Tellado: "Hai moitas ganas de cambio nas cidades nas que gobernan as Mareas, PSOE e o BNG"

17-04-2018 13:25:54
Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, declarou que a actual situación do goberno da Deputación de Lugo é a constatación da descomposición do partido socialista na provincia, estando ante o final do “besteirismo”. Para o número dous dos populares galegos, “nada disto tería pasado se se deixase gobernar a quen gañou as eleccións que foi o PP”. 

“Non precisamos criticar a ninguén porque os maiores descalificativos xa os teñen cruzados o presidente e o vicepresidente da Deputación que eran do mesmo partido”, recordou Tellado nunha entrevista na Radio Galega, onde tamén lamentou a intranquilidade que isto xera nos cidadáns, que agardan dos políticos máis rigor e responsabilidade. 

Ademais, dixo que esperan que os resultados das próximas eleccións municipais poidan acabar con esta etapa de “clientelismo político” onde as axudas da Deputación se dan aos concellos en función do partido que os goberne. Pola contra, puxo en valor o labor realizado por Elena Candia, malia que fose durante un curto espazo de tempo: “Gobernou para todos e traballou para o interese xeral da provincia”, un modelo ao que considera que debemos regresar, moi lonxe do actual que tanto dana a imaxe xeral da política. 


Un proxecto fracasado

Por outra parte, apuntou que a situación de crise interna que vive En Marea é permanente, polo que non é necesario que os populares critiquen a Luis Villares xa que diso xa se encarga Carmen Santos a diario.   

Tellado insistiu en que Villares “cada día que pasa perde máis peso político no seo da súa formación”. Segundo alertou, as Mareas viven unha deriva negativa que deteriorará aínda máis a situación das cidades nas que gobernan xa que “son un proxecto fracasado que non ten que ver coa Galicia real”. 

Así mesmo, Tellado lembrou que a autoridade do portavoz parlamentario de En Marea quedou totalmente dinamitada tralo lamentable capítulo que protagonizou a súa deputada Paula Quinteiro, que se negou a dimitir a pesar da petición pública de Villares e mesmo de Beiras. “Estamos ante a crónica dun grupo mixto anunciado”, apuntou xa que, malia que non se sabe quen marchará, “a convivencia dentro de En Marea é bastante complicada”. 

Deste xeito, o número dous do PPdeG afeou que os que se presentaban as eleccións como a alternativa están hoxe divididos pedindo dimisións de forma cruzada. “Eran o cambio a  peor”, sostivo mentres manifestaba que Podemos ten máis diverxencias que confluencias. 


Ser alternativa crible e viable

Coa vista posta nas vindeiras elección municipais, Tellado recoñeceu que quedan 14 meses nos que traballarán para acertar cos equipos e para elaborar proxectos. Cuestionado sobre quen serán os candidatos do PP nas urbes, admitiu que a insistencia neste pregunta “revela que hai unha grande preocupación social por facer que esas cidades que hoxe se atopan nunha situación de parálise poidan sumarse á situación de recuperación económica que está vivindo Galicia no seu conxunto”. 

Segundo salientou, “hai moitas ganas de cambio nas cidades nas que gobernan as Mareas, o PSOE e o BNG e apostaremos por ser a alternativa crible e viable”, para o que seguirán traballando desde a humildade e escoitando sempre á xente.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias