El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Pontón pide maior coordinación na loita contra o alugueiro ilegal de pisos turísticos

22-03-2018 21:31:41
Reunión de Hostalería de Santiago.

Santiago.- A portavoz nacional, Ana Pontón, considera necesaria un maior diálogo e coordinación entre a Xunta e o Concello para combater o alugueiro ilegal de pisos turísticos en Santiago, que implica non só unha competencia desleal co sector hostaleiro senón tamén unha fraude fiscal cuantificada en 9 millóns de euros. 

Na visita á Asociación de Hostalería de Santiago, onde mantivo un encontro coa equipa directiva, a dirixente do Bloque propuxo reforzar a coordinación “entre todas as administracións con competencias en turismo”, coordinación e diálogo que cualificou de “peza básica para establecer estratexias e poñer en marcha solucións aos problemas que afectan ao sector da hostalería”, como a precariedade dunha parte do sector, a estacionalidade e a competencia ilegal en materia de aloxamento  por pisos turísticos non declarados. 

Pontón, que instou a escoitar máis ao sector,  tamén advertiu dunha segunda consecuencia derivada dos alugueiros ilegais como é a perda de poboación do casco histórico de Compostela ante os prezos e falta de vivenda para alugar fora do uso turístico. “É evidente que o turismo ten que ter o seu espazo no casco vello, como sempre tivo, pero non podemos expulsar a residentes porque esa poboación residente é precisamente a que lle permite dar autenticidade e vitalidade ao centro histórico”, argumentou. 

Por iso, “Concello e Xunta deben actuar primeiro contra algo que é ilegal, -pisos turísticos non declarados- e, en segundo lugar, é preciso manter o casco vello con vida, con diversidade, cun comercio de calidade onde apostemos por un equilibrio entre actividade turística e uso dese espazo como lugar propio da cidadanía de Compostela, hai que evitar o monocultivo turístico do centro histórico porque iso non é unha proposta de futuro baixo ningunha circunstancia, hai que garantir que o casco vello sexa tamén un espazo de convivencia”, reclamou. 

Na visita á Asociación de Hostalería de Santiago, Pontón salientou que se trata dun sector “clave” para Compostela porque a hostalería e todo o relacionado co turismo “é un dos motores económicos da cidade”, polo que é preciso traballar man a man administracións e sector para conseguir un turismo desestacionalizado e de calidade, que deixe máis recursos no país. 

“Santiago ten todos os recursos para facer unha aposta polo turismo de calidade e sostible porque temos patrimonio cultural material e inmaterial, unha gastronomía moi potente e grandes profesionais que son un activo máis para crear riqueza para avanzar cara un turismo que deixe unha menor pegada ecolóxica e unha maior rendibilidade económica”, recalcou. 

No encontro coa directiva da asociación nas súas instalacións formativas tamén participaron os concelleiros nacionalistas en Santiago, Rubén Cela e Goretti Sanmartín, así como os responsables locais e comarcais do BNG. Previamente, Pontón participou nun café-debate cun nutrido grupo de mulleres que desenvolven proxectos económicos e sociais en Compostela, para analizar as dificultades que teñen que afrontar. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias