Porto do Son (A Coruña).- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación
do Territorio quere trasladar aos escolares galegos as principais claves da
xestión dos recursos hídricos. Este é un dos obxectivos fixados por Augas de
Galicia para conmemorar o Día Mundial da Auga -que se celebra hoxe-, polo que ao longo desta semana se organizaron diferentes talleres de
sensibilización ambiental en diferentes centros educativos da Comunidade.
O director de Augas de Galicia, Roberto
Rodríguez Martínez, participou hoxe no taller organizado no centro Santa
Irene de Porto do Son, onde recoñeceu que é necesario trasladar aos máis novos
aspectos relativos á contaminación e depuración de augas residuais urbanas para
acadar o reto de conservar os recursos hídricos.
Nos talleres, explícase aos alumnos dun xeito
ilustrativo como é o ciclo urbano da auga, desde a súa captación nun río ou
embalse, a potabilización, o uso que se fai nos fogares e por último, a súa
depuración antes de devolvelo ao medio. No taller traballan con dous bidóns
para recrear o ciclo urbano da auga e para facerlles ver que os xestos máis
sinxelos da vida cotiá pode contaminar os recursos hídricos, como botar
bastoncillos, cueiros ou toallitas polo inodoro, aceites polo fregadoiro....
Rodríguez Martínez tamén advertiu aos rapaces
da fraxilidade dos sistemas hídricos, que no caso de Galicia- Costa están en
situación de prealerta por seca, tras rexistrar cinco estacións secas
continuadas; polo que é necesario reflexionar sobre a importancia de dispor de
auga día a día.
Indicou
que é unha responsabilidade de todos facilitar que as xeracións futuras poidan
medrar co privilexio de gozar dos abundantes recursos hídricos da Terra. Nese
sentido, apuntou que o lema para conmemorar o Día Mundial da Auga deste ano, A
resposta está na natureza é moi acertada, dado que coidando os ecosistemas
naturais e empregando a auga con responsabilidade, isto garantirá que poidamos
gozar de auga agora e no futuro.