Manuel
Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España, estará este venres na sede do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia na
Coruña para ofrecer unha charla no marco do ciclo Parladoiros Audiovisuais,
organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) dentro do seu
programa de formación continua Galicia ProFilme. Dirixida tanto a profesionais
como a estudantes do sector, a sesión dará comezo ás 12,00 horas e será de entrada
libre ata completar a capacidade da sala.
Os
asistentes terán a oportunidade de coñecer de primeira man a xestión de
contidos de Tele 5, Cuatro e toda a oferta multicanal de Mediaset España. A
permanencia do modelo de negocio da televisión xeneralista en aberto, a súa convivencia coa oferta en liña e de
pagamento, as tendencias dos formatos de entretemento e a achega ás grellas televisivas
do cine e a ficción de produción propia serán os eixos desta charla.
Nado en
Marín, Manuel Villanueva atesoura unha longa e brillante experiencia na xestión
de contidos en televisións públicas e privadas. Os seus primeiros pasos deunos
na TVG, onde chegou a ser director de programas, para máis tarde ocuparse deste
traballo en canles como Canal + ou Antena 3. Ocupa o seu posto de director
xeral de contidos en Mediaset España dende o ano 2002, situando Tele 5 como a
cadea televisiva líder en audiencia en España.
O cine
galego en relación con outras artes
Antón Reixa
é o coordinador e moderador desta iniciativa, así como do ciclo do CGAI Pensando en cine, pensando en Galicia,
onde persoeiros da cultura galega non relacionados directamente coa sétima arte
presentan e debaten co público filmes galegos da súa escolla.
Esta nova
sección da filmoteca galega ofrecerá unha nova entrega este sábado, ás 18,00 h.,
coa participación do líder de Siniestro Total Julián Hernández para lembrar a
súa intervención no filme de Antonio Blanco La matanza caníbal de los
garrulos lisérgicos. Hernández encargouse de parte da banda sonora, tamén asinada
por Os Diplomáticos de Monte Alto, ademais de contar cun destacado papel como
actor.
Na
película, un grupo de mozos volve dun concerto cando o seu coche pincha por mor
duns cristais que hai na estrada e esnáfrase contra unha árbore. Piden axuda na
casa máis próxima, onde os reciben os hospitalarios Machado. O que descoñecen
estes rapaces é que os seus anfitrións teñen por lema “falta comida, sobra
xente”.
Este filme
de culto está considerado como un dos máis “cutres e noxentos”, mais á vez unha
das máis divertidas incursións no xénero gore
que se teñen feito en España. La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos
comercializouse directamente en VHS, en harmonía coa súa alma transgresora e
independente, e a partir de aí foi construíndo a súa lenda cunha base de fans
que mantiveron viva a película no tempo.