Pontevedra.- A Deputación de Pontevedra e ABANCA
renovaron esta mañá o Plan Activamos cunha nova liña de crédito de 50 millóns
de euros destinada a financiar, en condicións melloradas respecto ao mercado, a
pemes, autónomos, familias e corporacións locais da provincia. Este programa
financeiro inicia a súa cuarta edición consolidado como unha ferramenta clave
na inxección de crédito ao tecido produtivo pontevedrés. Nos seus tres anos e
medio de vixencia, este plan permitiu impulsar o desenvolvemento socioeconómico
da provincia con 180,9 millóns de euros. En total, formalizáronse ata a data
7.895 operacións de crédito, na súa gran maioría para financiar investimentos
ou atender necesidades de tesourería de emprendedores, pemes e autónomos da
provincia. No último ano, no marco deste programa pecháronse 1.810 préstamos na
provincia, por un importe global de 43,7 millóns de euros.
Tras rubricar o convenio de
renovación do plan, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e
o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, acompañados pola
directora territorial do banco en Pontevedra, Carmen Fernández Penas, expuxeron
as principais cifras alcanzadas e as distintas modalidades do programa
financeiro, que nesta edición incorpora como novidades o incremento de 100.000
a 200.000 euros do importe financiable e o aumento dos prazos de amortización
ata os 10 anos nos préstamos a pemes e autónomos.
A presidentaCarmela Silva, manifestou
a súa satisfacción “porque Pontevedra
é a provincia que lidera o número de operacións que supoñen o 40% de todas as
que se levan a cabo en Galicia. A nosa provincia estase a impulsar, sinalou, volvemos
estar en situacións de crecemento. Hai dinamismo, proxectos e ideas que
precisan financiamento”. De feito, nos dous últimos anos ABANCA concedeu máis de 100 millóns de euros,
en 2016 máis de 56 millóns e en 2017 preto de 44 millóns. “Se temos en conta os
datos de 2014 e 2015, dixo a presidenta, os do 2016 e 2017 son moi relevantes:
un 25% máis nos importes e un 33% máis de operacións”.
A
presidenta felicitou a ABANCA polas novidades de este ano e destacou
especialmente os préstamos para a rehabilitación de vivendas no medio rural
“porque temos un gran compromiso para manter a poboación e para iso a vivenda é
un dos instrumentos fundamentais. Con estes recursos, dixo Carmela Silva, ABANCAapoia
que poida haber calidade de vida neste entorno para manter a poboación, para
coidar o medio ambiente, evitar os lumes e que quen vivimos nas urbes teñamos a
seguridade de que se mantén o noso patrimonio ambiental”.
Pola súa banda, o director de Banca
Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, afirmou que “esta alianza estratéxica
coa Deputación de Pontevedra vai permitir seguir contribuíndo ao progreso
socioeconómico da provincia a través da achega de crédito en condicións
vantaxosas”. “Non é un plan dun só ano, senón unha oferta de crédito tanxible,
de continuidade e sostida no tempo para atender necesidades de financiamento e
facer realidades proxectos das empresas e familias”, sentenciou.
Na mesma liña, Carmen Fernández
explicou que “en todos os casos, trátase de crédito flexible e en condicións
especiais, a baixo tipo de xuro, sen comisións de estudo, amortización nin
cancelación e tamén con carencias nalgunhas modalidades”. “É un programa que
contribúe de maneira decidida á mellora competitiva da provincia, pois máis do
98% do crédito destinouse a pemes e autónomos”, subliñou a directora
territorial de ABANCA en Pontevedra.
Apoio ao tecido empresarial
As pemes, micropemes e autónomos son
os principais beneficiarios do Plan Activamos. O programa oferta para este
segmento crédito para a posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento
de novos investimentos empresariais, creación de emprego, actuacións de mellora
enerxética nos negocios e cobre tamén necesidades de circulante.
Para as familias, esta iniciativa de
financiamento oferta préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico,
realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á
mellora da accesibilidade ou a eficiencia enerxética, adquisición de vehículos
eficientes e rehabilitación de vivendas unifamiliares en poboacións do rural.
Finalmente, as corporacións locais
poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos
investimentos municipais e atender necesidades de tesourería, sen esquecer que
teñen á súa disposición avales e liñas de confirming con tarifas especiais. Departamento de comunicación