El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

Feijóo: "Queremos que Galicia se sitúe en primeira liña na industria das enerxías renovables"

19-03-2018 12:08:01
En marcha do primeiro ecobarrio.

Ourense.- O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o ecobarrio da Ponte, en Ourense, converterá Galicia e a cidade das Burgas nun exemplo de transformación urbana sustentable que reproduce a pequena escala, a nivel de barrio, o que van ser as cidades europeas do futuro.   

Durante o acto de presentación do proxecto, no cal tamén participou o comisario de Acción polo Clima e Enerxía da Comisión Europea, Miguel Arias Cañete, Feijóo aseverou que con este proxecto Ourense se transforma nunha cidade pioneira na loita contra o cambio climático, na redución de consumo enerxético e no aproveitamento dos recursos naturais enerxéticos. Ademais de poñerse novamente de manifesto o potencial da Autonomía no ámbito das enerxías renovables.   

Sobre este punto, precisou que coa posta en marcha do primeiro ecobarrio na Comunidade, Galicia pasará a ser un referente en xeotermia. Non en van, un dos principais obxectivos será establecer na zona a primeira rede de xeotermia de Europa, aproveitando esta fonte de enerxía para abastecer de calefacción e auga quente a medio centenar de edificios do contorno.   

Cun investimento de 20 millóns de euros e a creación de 300 postos de traballo, o titular da Xunta lembrou ademais que esta iniciativa prevé mellorar a eficiencia enerxética un 20%, que o 20% da enerxía consumida proveña de fontes renovables e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro un 30%.   

Así mesmo, o proxecto recolle tamén a posta a punto de fachadas e envolventes térmicas en colexios, institutos e outros inmobles como a futura estación intermodal; a substitución da iluminación actual por tecnoloxía led, tanto nos edificios como nas rúas; o fomento da mobilidade sustentable; e a posta en marcha da Oficina do ecobarrio, para informar á comunidade de veciños e ás asociacións sobre as axudas e actuacións en materia de eficiencia enerxética.   

“Estamos, polo tanto, a falar dun proxecto que ten como fin demostrar que existe outra forma de facer urbanismo e outra forma de facer cidade: máis respectuosa co ambiente e con maior calidade de vida para os veciños”, abundou.   

O presidente da Xunta afirmou que as enerxías renovables e o aproveitamento dos recursos naturais seguirán a desempeñar un papel fundamental, como proba a posta en marcha das Directrices Enerxéticas de Galicia que, cunha mobilización de 3.000 millóns de euros ata 2020, fomentará a cultura da eficiencia enerxética nos fogares, empresas e administracións.   

“Queremos que Galicia se sitúe en primeira liña na industria das enerxías renovables e que cale entre a cidadanía a importancia do aforro enerxético e de conseguir cidades con menos contaminación”, dixo, agradecendo ao comisario Miguel Arias Cañete o apoio prestado desde a Comisión Europea para que este ecobarrio poida ser unha realidade cara ao 2020.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias