El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

A Xunta estreita lazos co Goberno de México

17-03-2018 13:11:53
Visita á feira Seafood de Boston.

A Xunta de Galicia estreita lazos co Goberno de México para intercambiar experiencias de xestión en materia marítimo-pesqueira no marco da feira Seafood de Boston celebrada esta semana nos Estados Unidos de América. Alí, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, invitou ao Goberno mexicano a visitar Galicia.

Fíxoo durante unha xuntanza co comisionado nacional de Acuicultura e Pesca do Goberno de México, Mario Alberto Aguilar; co conselleiro de Agricultura, Luis Martínez, e coa directora de proxectos estratéxicos, Martha Aurea. Nela invitounos a coñecer o sector pesqueiro galego e os centros dependentes da Consellería que se encargan de traballar a prol deste sector como son o Instituto Tecnolóxico do Mar (Intecmar) ou o Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación Cetmar, entre outros.

Ademais, Mercedes Rodríguez trasladou que “é fundamental para o noso sector intercambiar experiencias que nos axuden a mellorar a nosa proxección no exterior ao tempo que estreitamos lazos cos países nos que temos intereses comerciais coma no caso de México”, aseverou a directora xeral no transcurso da reunión.

No encontro, a directora xeral explicou aos responsables da Comisión Nacional de Acuicultura e Pesca do Goberno de México (Conapesca) a importancia da colaboración entre a administración e o sector. Nesta liña explicoulle as relacións entre a administración pesqueira galega e o sector do mar, a través de órganos decisorios como o Consello Galego de Pesca e a Comisión do Mexillón.

Adicionalmente, a directora xeral explicoulles o sistema de trazabilidade do mexillón que se extrae das rías galegas e tamén os rigorosos controis que se lle fan ao produto extraído a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) como garante da calidade deste produto. Ademais, destacou as distintas marcas de calidade coas que contan os produtos do mar de Galicia como é a marca de calidade pescadeRías e a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia. Tamén se abordaron as distintas campañas que ten en marcha a Xunta de Galicia para fomentar o consumo de produtos pesqueiros.


Seafood Boston

A directora xeral realizou esta xuntanza no marco da súa estadía en Boston con motivo da feira Seafood. A Consellería do Mar participou neste evento cun posto institucional de máis de 167m² que deu cabida ás 11 empresas galegas coexpositoras pertencentes ao sector do conxelado e dos produtos do mar procesados.

Nesta feira déronse cita máis de 20.000 visitantes profesionais de máis de 100 países. Contou cun espazo de 55.000m² en total, no que se promocionaron 1.200 empresas expositoras de 50 países distintos vinculadas aos produtos do mar frescos, conxelados, da acuicultura e envasados e tamén profesionais que se dedican á provisión de equipamentos e transporte, loxística e maquinaria. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias