El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

ATENEOS DE GALICIA

Os Ateneos de Galicia manteñen unha xuntanza para asinar un Convenio de Colaboración

15-03-2018 23:04:49

Santiago.- O Ateneo de Santiago acolleu a varios representantes dos Ateneos de toda Galicia para levar a cabo a xuntanza de Ateneos programada nas súas actividades do X Aniversario da entidade.  

Así, á cita acudiron o presidente do Ateneo de Pontevedra Xaime Domínguez Toxo e o Vogal Antón Sobral, o Presidente do Ateneo Santa Cecilia de Marín Lois González Dopazo e o Tesoureiro Xulio Xosé Pardellas, o Vicepresidente do Ateneo de Ourense Pablo González Prieto, o membro da Xunta Xestora do Ateneo Ferrolán Luis Calvo Teijo e o Presidente do recentemente creado Ateneo de Vigo Anxo Cabada xunto con outro membro da súa Xunta Directiva. 

Por parte do Ateneo de Santiago asistiron o presidente Salvador García-Bodaño, o Vicepresidente Manuel López-Rivadulla, o Secretario Francisco Candela e os Vogais Pilar Sampedro, Xosé Ramón Pousa, MarisaSomoza e José Manuel González Herrán. 

A xuntanza comezou, no domicilio social do Ateneo de Santiago, cunha sesión de traballo para tratar de poñer en común o papel destas entidades de cara ao futuro e os problemas e retos a superar, centrando o debate no “Pasado, presente e futuro dos Ateneos”, e, por conseguinte, dar un novo pulo ao seu papel no desenvolvemento cultural de Galicia, onde a unidade e a solidariedade entre todos sexa un sino de actuación. 


Sinatura dun Convenio de Colaboración de Ateneos de Galicia 

O obxectivo final desta xornada foi a sinatura dun Convenio de Colaboración de Ateneos de Galicia por parte dos presidentes dos Ateneos de Santiago, Pontevedra, Vigo e Marín, do Vicepresidente do Ateneo de Ourense e do membro da Xunta Xestora do Ateneo Ferrolán. 

Con este convenio preténdese impulsar “un achegamento no funcionamento dos distintos Ateneos en Galicia que posibilite unha continua e estreita colaboración”, concretándose nos seguintes compromisos: 

1.  A visualización das actividades desenvolvidas polos distintos Ateneos. 

2.  A realización de actividades conxuntas. 

3.  Que calquera membro dun Ateneo poida participar nas actividades dos restantes. 

4.  A realización dunha xuntanza anual en cada localidade. 

5.  A creación dunha organización a nivel galego. Este Convenio de Colaboración entrará en vigor inmediatamente tras a súa sinatura e terá unha vixencia indefinida. 


Programación do X Aniversario do Ateneo de Santiago 

 A Xuntanza de Ateneos de Galicia atópase dentro da Programación do X Aniversario do Ateneo de Santiago, que xa se comezou a desenvolver dende o mes de xaneiro. 

Así,as actividades iniciáronse o pasado 15 de xaneiro co Ciclo de conferencias “En clave de futuro-10 anos do Ateneo de Santiago”, as cales teñen lugar unha vez ao mes no Auditorio Abanca do Preguntoiro. Desta maneira, por esta tribuna xa pasaron o experto en ciberseguridade Ramsés Gallego, o paleontólogo Juan Luis Arsuaga e o historiador José Álvarez Junco, todos eles con moi boa acollida, e, proximamente, o 16 de abril poderemos desfrutar da viúva de Saramago Pilar del Río falando sobre o “Iberismo en Saramago”.

Dentro desta Programación especial tamén se atopa convocado o Premio Alfredo Vicenti de xornalismo cívico, que pretende “promover un debate cívico sobre asuntos de interese social, favorecendo o espazo público para mellorar a calidade de vida dos cidadáns”. A este premio poden presentarse traballos publicados entre o 1 de novembro de 2017 e o 30 de outubro de 2018, data límite para o acceso, dándose a coñecer o gañador o vindeiro 20 de novembro. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias