El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | UNIVERSIDADE

UDC e a Fundación Alcoa, coa educación para a sustentabilidade

15-03-2018 17:45:59
Presentado Educando para a sustentabilidade.

A Coruña.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director de Alcoa A Coruña, José-Gil Fernández Pulpeiro, o vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo, e o adxunto para Sustentabilidade, Manuel Soto, presentaron hoxe o proxecto “Educando para a sustentabilidade” na Sala de Prensa da Reitoría ante un auditorio de profesorado, estudantado, persoal de administración e servizos e xornalistas. 

O proxecto consiste no curso universitario “Campus, casa, cidade: laboratorios do cambio”, de carácter eminentemente práctico no que o alumnado recibirá as competencias básicas relacionadas coa sustentabilidade ambiental, económica e social e realizará actividades cunha marcada acción social, no contorno inmediato, desde o campus e o fogar até a cidade. As actividades inclúen o cálculo da pegada ecolóxica, da auga e de residuos, mapas de ruído, avaliación da contaminación lumínica, do consumo de auga e enerxía, e xestión de residuos no centro universitario e na casa. 

O reitor agradeceu a presenza de todos os colectivos xa que “éste é un proxecto integrador para toda a comunidade universitaria”. Abalde alertou da responsabilidade que ten a universidade cun papel non só formativo senón como axente exemplarizante para a sociedade. Dentro desta función encádrase o proxecto que se presentou hoxe que non sería factible se non contase co soporte da Fundación Alcoa, segundo dixo o reitor e aproveitou para agradecer ao director da factoría coruñesa o seu apoio a esta iniciativa. Abalde animou a traballar para facer unha sociedade máis sustentable e enmarcou este proxecto dentro dunha das liñas de especialización nas que está a traballar a UDC, o Campus de Sustentabilidade, co aque se pretende que a Universidade da Coruña sexa un referente a nivel nacional e internacional. 

Pola súa banda, o director de Alcoa Coruña reafirmou o compromiso da súa empresa polo desenvolvemento sustentable. “Alcoa é unha multinacional con máis de 125 anos e sabe que o futuro vai da man da responsabilidade social e da sustentabilidade”, manifestou. Fernández Pulpeiro considerou moi importante formar estudantes e xerar conciencia ambiental na sociedade porque temos un compromiso de transcedencia ambiental. 

O vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade valorou a educación como unha ferramenta fundamental para afrontar o reto da sustentabilidade e asegurou que “o cambio ecolóxico virá polos futuros titulados universitarios”. Domingo Calvo explicou que o proxecto que a UDC presentou á Fundación Alcoa foi seleccionado e valorado na sede central da empresa en Estados Unidos que considerou de interese apoialo. 

A fábrica de Alcoa na Coruña apoia esta iniciativa da Universidade da Coruña co soporte financeiro de Fundación Alcoa, que inviste nas comunidades en que a compañía está presente en colaboración con institucións e organizacións para aportar melloras principalmente nas áreas de educación e sustentabilidade ambiental. 

Manuel Soto, adxunto de Sustentabilidade e director da Oficina de Medio Ambiente na UDC, explicou o programa do proxecto que inclúe conferencias, obradoiros e outras actividades de traballo de campo que teñen como obxectivo formar nos conceptos básicos de sustentabilidade. Soto lembrou que a pegada ecolóxica, un dos temas nos que se vai incidir especialmente no proxecto, no caso de Galicia está en 6,3 hectáreas per cápita, mentres que a da UDC se sitúa en 33 quilómetros cadrados de bosque que se necesitaría para absorber o consumo universitario. Declarou o forte compromiso da UDC coa sustentabilidade que fai que ocupe o cuarto posto nacional no ránking Green Metric que mide a sustentabilidade universitaria, e o 86 no mundo. Ver programación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias