El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Carmela Silva presenta os novidosos servizos tecnolóxicos para os concellos

15-02-2018 19:42:52
Presentado os servizos tecnolóxicos para os concello

Pontevedra.- A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, presentou hoxe a alcaldesas e alcaldes e persoal técnico dos concellos da provincia os servizos tecnolóxicos que vai poñer en marcha, presta e ofrece a institución provincial aos municipios. No acto estaban presentes a alcaldesa de Moaña e os alcaldes de Barro, A Cañiza, Cuntis, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Mondariz, As Neves, Poio, Pontecesures, Portas e Soutomaior; así como representantes do goberno e persoal técnico de todos os concellos da provincia.   

Carmela Silva comezou a súa intervención recordando que coa aprobación da Lei 39/2015 os concellos están obrigados a unha serie de cuestións relacionadas coas novas tecnoloxías. Ao respecto, Silva declarou que “se están a aprobar leis, como a 39/2015, que non incorporan recursos para a súa aplicación e, sen embargo, son de obrigado cumprimento. Esta situación está a provocar que os concellos teñan que retraer recursos doutros servizos para poder cumprir coa lexislación e evitar sancións por incumprimento, algo que estamos a denunciar e así o fixemos xa na reunión celebrada o pasado martes da Comisión de Deputacións da FEMP. Non podemos seguir así, non se poden seguir aprobando leis que non traen consigo recursos para o seu cumprimento”.   

Ante esta situación, tal e como informou a presidenta da Deputación de Pontevedra, “estamos a impulsar unha estratexia global de solucións tecnolóxicas aos concellos co obxectivo de contribuír a que aborden con éxito a súa transformación dixital”. Deste xeito, o primeiro proxecto que puxo en marcha a institución provincial foi o da administración electrónica, de xeito gratuíto para os concellos, ao que se adheriron 54 concellos e 2 entidades menores. A través deste proxecto, segundo indicou Carmela Silva, “xa formamos a 2.218 persoas que traballan na administración local e a 732 que ocupan cargos públicos; tamén se tramitaron preto de 200.000 expedientes de xeito electrónico, con medias mensuais de 12.000 novos expedientes electrónicos, 250.000 documentos asinados de xeito electrónico e 35.000 anotacións en rexistro”.   

Sobre a administración electrónica recordou Silva que “somos a provincia que nestes momentos ten instaurada a administración electrónica en máis concellos e con mellores resultados, algo que non poderíamos facer sen a implicación e compromiso dos alcaldes e alcaldesas da provincia e técnicos e técnicos dos concellos que fixeron un enorme esforzo para facelo realidade”. Neste eido, amais, a presidenta da Deputación de Pontevedra adiantou que “imos poñer en marcha un plan de mellora continua no servizo de administración electrónica que nos permitirá contribuír á xestión do cambio mediante 199 sesións formativas presenciais nos concellos que permitirán asesoralos e apoialos, unha vez máis, na adaptación ás obrigas da Lei 39/2015”.   

Xunto ao proxecto da administración electrónica, a presidenta da Deputación de Pontevedra presentou tamén o novidoso servizo de Padrón Municipal de Habitantes que arrancou hoxe. Este servizo pretende solucionar os problemas existentes nos concellos na actualidade que veñen dende a heteroxeneidade das solucións implantadas para xestionar o padrón, ata solucións desfasadas con mantementos incorrectos e que non se atopan integradas coa administración electrónica. “Por estes motivos –subliñou Silva- destinamos máis de 500.000 € a este novo servizo, gratuíto para os concellos, que implantará a empresa Aytos, e que permitirá migrar os datos existentes nas aplicacións actuais de cada concello así como integralo na plataforma de administración electrónica, facilitando a xestión de expedientes e a realización de trámites municipais, evitando colas e desprazamentos”.   

O servizo de padrón, que se ofertará a través dunha nube privada, inclúe tamén formación en cada concello e mantemento correctivo e evolutivo, co obxectivo de garantir a corrección de incidencias e a actualización e inclusión de novas funcionalidades.   

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer o novidoso servizo de impresión de dixitalización para entidades locais que “permite regular as condicións e os prezos destes servizos para as entidades da provincia”. 

O servizo será implantado por Canon e hai xa, nestes momentos, preto dunha vintena de concellos que solicitaron a súa adhesión ao proxecto. O servizo de impresión e dixitalización nace dun estudio previo realizado pola institución provincial que puxo de manifesto que o parque de sistemas de impresión é heteroxéneo, qque o custe das copias e o mantemento é elevado, que as entidades locais contan con equipos de prestacións inadecuadas para as súas necesidades e que existe unha falta xeral de acordos definidos de maneira contractual que aseguren uns tempos axeitados de reparación e subministracións de consumibles. “Deste xeito –asegurou Silva- decidimos impulsar este servizo, pioneiro en España, aberto a todas as entidades locais da provincia que parte dun modelo de aluguer máis prezo por copia e que permite aos concellos elixir o número e tipo de equipos que precisa en función das súas necesidades”.   

Mediante o servizo de impresión e dixitalización, tal e como informou a presidenta da Deputación, “obtemos condicións máis favorables e custes máis competitivos, facilitamos a xestión administrativa dos contratos e unificamos o parque de equipos de acordo ás necesidades de cada entidade. De feito, pódolles dicir que os prezos que conseguimos son os máis baixos de practicamente todo o Estado”.

Xunto á administración electrónica, o padrón municipal e o novo servizo de impresión e dixitalización, Carmela Silva tamén adiantou aos alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia, representantes dos gobernos municipais e técnicos e técnicas, os novos servizos e proxectos de futuro da Deputación de Pontevedra en materia de novas tecnoloxías. Ao respecto, Silva destacou que “neste primeiro semestre de 2018 imos licitar publicamente o servizo de backup na nube tanto para a propia Deputación como para os concellos, amais de que ao longo do ano imos poñer en marcha un servizo de CAU (Centro de Atención a persoas Usuarias), un aplicativo de contabilidade, así como mercar de xeito conxunto licenzas de software tanto para sistemas operativos como para paquetes ofimáticos”. Deste xeito, informou Silva, cumpriremos co novo obxectivo “de converter á provincia de Pontevedra na máis innovadora, moderna e tecnolóxica de todo o Estado”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias