El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

VIGO

O esforzo inversor da Xunta en Vigo rolda os 700 millóns

08-01-2018 16:41:50
Ignacio López-Chaves (c).

Vigo.- O esforzo inversor da Xunta na cidade de Vigo nos últimos anos roza os 700 millóns de euros. Así o afirmou hoxe o delegado territorial, Ignacio López-Chaves, no transcurso do tradicional encontro anual cos medios de comunicación que se celebra por estas datas.

O representante do Goberno galego fixo repaso dos grandes proxectos liderados pola Administración autonómica en Vigo, entre os que citou o Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), a Cidade da Xustiza e a EDAR do Lagares, sen esquecer o apoio ao sector da automoción e ao naval, que considerou “clave” para paliar os efectos da crise económica.

“Non todo o que se inviste é visible”, dixo, para recordar que moitas das infraestruturas programadas poderían estar feitas fai anos se non fose pola falla de colaboración do goberno local. Referiuse concretamente aos accesos ao HAC, a Cidade da Xustiza, cuxa partida estivo anos consignada no proxecto de orzamentos da autonomía sen que o Concello cedese os terreos, ou o bloqueo ao Campus do Mar.

“A Xunta saíu ao rescate da cidade en non poucas ocasións”, recordou, en clara referencia ás leis que permitiron o desenvolvemento urbanístico tras a anulación do PXOM pola xustiza. Se non fose pola actuación do Goberno galego neste eido a cidade estaría paralizada, dixo, para subliñar que seguimos a espera de que o Concello cumpra coa súa parte. Neste senso, respecto á reclamación do alcalde de financiar unha porcentaxe maior do 50% comprometido recordou que a porcentaxe de financiación dos PXOM “está regrado en función do rango poboacional e a Vigo non lle corresponde máis”.

López-Chaves aproveitou a ocasión para ler un parágrafo da carta remitida polo alcalde ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado mes de setembro. Nela, o rexedor recolle textualmente que “os investimentos da Xunta son de 0 euros”, segundo sinalou o delegado territorial, quen quixo despexar calquera dúbida que puidera xurdir ao respecto ao citar un a un os investimentos do Goberno autonómico nos últimos anos na cidade. Así, lembrou os 333 millóns de euros do HAC, os 115 millóns destinados a automoción, os 105 da EDAR do Lagares ou os 45 millóns que permitiron recuperar o Casco Vello de Vigo para os veciños, a través do Consorcio creado en 2005 e participado nun 90% pola Administración galega e nun 10% pola local.

A Cidade da Xustiza é a maior infraestrutura xudicial proxectada en Galicia cun custe programado de 30 millóns de euros, comentou, ao tempo que recordou que a Estación Intermodal está a piques de licitarse, toda vez que superou o trámite ambiental. Ademais, fixo referencia ao Campus do Mar, no que a Xunta inviste 5 millóns de euros, e á ampliación do Ifevi, adxudicada por 3,2 millóns. Partidas ás que habería que sumar o gasto corrente aplicable ás consellerías de Política Social, Sanidade ou Educación, acentuou.

Outras das intervencións as que se referiu foron a ampliación de Navia, onde se proxecta a construción de 1.600 vivendas protexidas que se sumarán ás de promoción pública en proceso de licitación en Cambeses, ou o Plan de Sendas de Galicia para Vigo.

Por último e retomando a mencionada carta do alcalde, López-Chaves mostrouse convencido de que o alcalde “cando pasa polo novo hospital, a depuradora do Lagares ou o antigo hospital Xeral non ve”. “Entendería que dixese que lle parecen poucos cartos e que precisa máis, pero que o alcalde escriba que o investimento da Xunta en Vigo é de cero euros é difícil de entender, máis canto roza os 700 millóns de euros”, dixo, para concluír que a actual Xunta “non so é a administración que máis inviste en Vigo, senón que a Xunta de Feijóo é a administración galega que máis investiu na cidade”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias