El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | CULTURA

A Xunta apoia o terceiro encontro Conecta+ para impulsar 18 proxectos audiovisuais galegos

14-12-2017 15:11:52

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) volve colaborar coa organización do encontro audiovisual Conecta+, que celebra a súa terceira edición este sábado 16 no Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña. O evento, no que se darán cita uns 35 profesionais de toda España, seleccionou 18 proxectos galegos de cinema e televisión para lles dar a oportunidade aos seus creadores de entrar en contacto directo cos responsables de empresas produtoras de dentro e fóra de Galicia.

A Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA), a Asociación Sindical Galega de Guionistas (Agag) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) organizan esta iniciativa, que conta tamén co apoio de Galicia Calidade e da Fundación SGAE. O obxectivo é proporcionarlles os directores e/ou guionistas galegos unha plataforma desde a que dar a coñecer as novas propostas nas que están a traballar na procura de produtores que invistan na posta en marcha destes títulos.

Xérase así unha ponte entre as ideas e o mercado audiovisual, encamiñada a dotar os proxectos de viabilidade económica e promover a construción de equipos que combinen talento e capacidade de execución. Con tal fin, a organización convidou os responsables de empresas galegas como Bambú, Vaca Films, Frida Films, Portocabo, Agallas, Ollovivo e Gaitafilms, e de fóra de Galicia como Nadie Es Perfecto e Irusoin, produtora do filme Handia, que acaba de obter 13 candidaturas aos Premios Goya.

Todos eles participarán nas reunións ‘un a un’ cos creadores dos 18 proxectos, seleccionados entre 31 presentados. Este formato, xa empregado nos anteriores Conecta+, ten demostrado a súa eficacia á hora de establecer unha relación máis directa na busca de intereses comúns que propicien unha futura colaboración e mesmo lles permite os creadores obter orientación para o fortalecemento das súas propostas.

Durante a xornada, que se desenvolverá de 10,30 a 18,00 h., tamén se propiciará a socialización entre o conxunto dos participantes para abordar as cuestións que lles afectan nas diferentes fases do desenvolvemento das producións audiovisuais. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias