El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

Medio Rural pagará antes de Nadal o 90% do importe das axudas da PAC

14-12-2017 15:02:36

A Consellería do Medio Rural pagará antes do Nadal o 90% do importe permitido das axudas da PAC aos agricultores que teñan os controis administrativos e sobre o terreo favorables. Esta achega supón preto de 60 millóns de euros que, sumados aos pagados anteriormente –mais de 87 millóns– supoñen case 150 millóns de euros, un 15% máis que a axuda pagada en 2016.

Así o destacou hoxe a conselleira Ángeles Vázquez na inauguración das xornadas sobre o uso das novas tecnoloxías na xestión e o control das axudas europeas celebradas hoxe en Santiago. Segundo explicou, o resto de pagos pendentes realizarase antes do mes de xuño, tal como está previsto na normativa comunitaria.

A titular de Medio Rural salientou que o futuro do rural galego está intimamente ligado ás axudas da PAC e que a súa adecuada xestión ten unha incidencia crecente na renda de agricultores e gandeiros, así como na estabilización dos ingresos en períodos de especial volatilidade. Lembrou ademais que en Galicia inspecciónanse sobre o terreo uns 90.000 recintos e nesta campaña de 2017 preto do 90% deles foron controlados mediante teledetección.


Control correcto

Este sistema, baseado en imaxes vía satélite obtidas en distintas épocas do ano, convértese así nunha ferramenta fundamental para garantir o correcto control sobre o cumprimento das obrigas do chamado pago verde, dixo a conselleira. Ángeles Vázquez engadiu que a aposta de Galicia por esta tecnoloxía veu motivada pola modificación do período principal de cultivo na campaña de 2017, que obrigou a optar por un sistema que ofrecese información sobre o estado das plantacións no período de inverno.

A conselleira sinalou que as axudas da PAC en Galicia para pagos directos en función do número de hectáreas e cabezas de gando nesta tempada ascenden a uns 170 millóns de euros e que no mes de novembro pagouse o anticipo do 70% destas achegas, un pago que –explicou– está supeditado á finalización dos controis de campo. No caso galego, estas inspeccións condicionan o desenvolvemento da campaña, polo elevado número de explotacións a visitar e a súa dimensión.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias