El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA

A Xunta lanza a iniciativa "Acendámo-la luz"

12-12-2017 16:42:18
Amparo González.

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, presentou hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) a iniciativa ‘Acendámo-la luz’. Trátase da continuación da campaña ‘37mil sorriSOS’ posta en marcha pola Consellería de Política Social o pasado mes de maio co obxectivo de previr e detectar os abusos sexuais a menores, así como que aqueles que foron vítimas poidan superar esta traumática experiencia.

Amparo González explicou que se a primeira parte da campaña estaba enfocada aos colectivos e profesionais que traballan coa infancia, esta segunda está más orientada ao conxunto da sociedade, “convencidos de que só ela é quen de poñer freo aos abusos”, apuntou. A proposta ten un carácter eminentemente dixital, xa que o que se procura é difundir a mensaxe #acendamolaLuz a través das redes sociais –fundamentalmente facebook, instagram e whatsapp-, ademais de habilitarse a páxina web www.acendamolaluz.com. Nesta dirección de internet, xunto cos contidos da campaña, pódese escoitar a canción do mesmo título que concentra a mensaxe da campaña.

A imaxe da iniciativa é unha árbore de Nadal con doce lámpadas no que dúas delas non alumean, representando así os doce meses do ano e o feito de que un de cada cinco menores podería ser vítima de abusos segundo as estatísticas do Consello de Europa. “Durante os próximos doce meses traballaremos sen descanso para que o vindeiro Nadal todas as lámpadas da nosa árbore alumeen”, explicou a responsable autonómica de Familia; ao tempo que engadiu que esta campaña “é unha invitación colectiva para conseguir que entre todos acendámo-la luz de todas esas pequenas lámpadas que un día se apagaron”.

A través da campaña ‘37mil sorriSOS’ e coa mensaxe ‘Acendámo-la Luz’ a Consellería de Política Social procura alertar dos abusos a menores á sociedade civil, aos medios de comunicación e a todas aquelas entidades ou profesionais que traballan pola infancia, coa finalidade de combater estas situacións. Así, entre os principais destinatarios desta iniciativa están os pais e nais, e os profesionais dos ámbitos educativo e sanitario, posto que eles adoitan ser os primeiros que detectan posibles casos de abusos.

Ao abeiro da campaña, a Consellería de Política Social creou o protocolo de INO, baseado en catro liñas fundamentais: previr, observar, manter a calma e moverse notificando e avaliando cada caso de abuso da man dun profesional especializado. Así mesmo, e en base a este protocolo, elaborouse un conto titulado ‘Ino e o ladrón de sorrisos’ dirixido aos nenos e nenas no que o protagonista chamado Inocencio ou Inocencia relata á súa nai unha serie de situacións relacionadas co abuso.

Ademais, a campaña tamén se fixo visible co espectáculo teatral ‘Pum,pum!’, da compañía Baobab Teatro, que fala de historias cotiás que lles pasan aos menores pero que tamén transmite a mensaxe de que ninguén pode obrigalo a facer cousas que non queren. Este espectáculo dirixido aos escolares está a percorrer as principais cidades galegas.

Finalmente, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia dispón dun servizo telefónico de atención ao menor de carácter gratuíto e que funciona todo o ano as 24 horas do día. Trátase do 116 111, atendido por profesionais e ao que poden dirixirse tanto aqueles nenos ou nenas que nalgún momento se sintan maltratados por outra persoa, precisen axuda ou simplemente queiran falar do que lles preocupa; como aquelas persoas que saiban ou sospeiten que algún menor poida estar sendo vítima de violencia ou non estar sendo correctamente atendido.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias