El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | SAÚDE

Preto de 5.700 persoas foron atendidas nos centros de vacinación internacional do Sergas

08-12-2017 13:37:22

Os profesionais sanitarios dos doce centros de vacinación internacional da Consellería de Sanidade dispensaron 8.878 vacinas a 5.686 persoas nos primeiros nove meses deste ano. Nos centros da provincia da Coruña subministráronse 3.926 vacunas, 1.578 nos de Lugo, 1.013 en Ourense e 2.361 nos da provincia de Pontevedra.

Por centros, na provincia da Coruña dispensáronse 872 no CHUAC, 2.171 no CHUS de Santiago, 797 no Arquitecto Marcide, en Ferrol e 86 no Virxe da Xunqueira de Cee. En Lugo, no Lucus Augusti subministráronse 1.056 vacinas, 380 no Hospital da Costa en Burela e 142 no de Monforte.

Na provincia de Ourense, no Hospital Universitario, administráronse 1.013 vacinas mentres que en Pontevedra foron 687 no Provincial, 1.285 no CHUVI, 358 no Salnés en Vilagarcía e 29 no Meixoeiro.


Planificación con tempo e recomendacións

A Dirección xeral de innovación e xestión da saúde pública da Consellería de Sanidade recomenda programar as saídas cun ou dous meses de antelación, especialmente no caso de visitar áreas tropicais ou subtropicais de maior risco, onde xeralmente as condicións sanitarias son precarias.

No caso de precisar algunha vacina ou medida especial é importante solicitar unha cita con antelación no centro de vacinación internacional máis próximo. Ademais, convén lembrar algunhas recomendacións, sobre todo se se trata de viaxes a sitios tropicais, para evitar insolacións ou deshidratacións. É imprescindible beber moita auga e protexerse con lentes de sol, así como utilizar cremas solares e locións antimosquitos. Respecto á roupa, compre escoller prendas e calzado axeitado segundo o destino e duración da viaxe.

En canto ás comidas, o conveniente é tomar alimentos cociñados, tendo moita precaución coas salsas, peixes ou alimentos con ovo. No consumo de froita, hai que optar sempre pola que se poida mondar e evitar as ensaladas e xeados caseiros, a non ser que se coñeza a súa orixe. Tamén é importante beber auga embotellada e non consumir xeo que non fose preparado con auga segura.

Doutra banda, no caso de manter relacións sexuais cunha parella non habitual, compre utilizar sempre preservativo para previr enfermidades de transmisión sexual. Tamén convén prestar atención á caixa de urxencias de viaxe e, en caso necesario, levar a medicación recomendada.


Informar ao médico en caso de enfermidade

Na actualidade, millóns de persoas viaxan cada ano dende España ao estranxeiro. Delas un gran número, van a zonas tropicais, lugares onde o risco de determinadas enfermidades é máis alto.

A Consellería de Sanidade lembra que algunhas enfermidades tropicais non se manifestan inmediatamente, e poden presentarse bastante tempo despois do regreso. Deste xeito, no caso de que se necesite acudir ao médico, deberáselle informar de que realizou unha viaxe nos últimos doce meses a unha zona tropical ou país en vías de desenvolvemento.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias